Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha longametraxe de terror folk en Lugo: ‘O Corpo Aberto’

A produción, dirixida por Ángeles Huerta, narra a historia dun mestre que ten por primeiro destino Lobosandaus, no Xurés

Na Casa Grande de Covas (Taboada) graváronse esta fin de semana, día e noite, as derradeiras imaxes da película O Corpo Aberto da directora Ángeles Huerta e baseada no relato Lobosandaus do libro Arranianos de Méndez Ferrín. Está protagonizada polo compostelano Tamar Novas e a portuguesa Victória Guerra.

Despois desta gravación poderase rematar a súa montaxe, coa previsión de seren presentada en festivais, entre outros San Sebastián, e proxectada en salas comerciais no outono. A maior parte da rodaxe fíxose previamente en concellos lindantes raia seca, entre Galicia e Portugal.

PERFECTA ELECCIÓN DA PARAXE, A elección desta fermosa paraxe da provincia de Lugo para completar imaxes de exteriores debeuse á perfecta conservación de elementos propios do ambiente rural da época que ofrece a devandita casa e finca de Taboada, hoxe dedicadas a turismo de natureza, actividades cinexéticas e produción de productos ecolóxicos.

A casona xunto coas edificacións anexas (muiño, palleira, pombal, hórreo, adega,...) superan os 2.000 metros cadrados construídos. Atópase situada no centro dunha finca de 55 hectáreas de extensión, a menos de tres kilómetros da capitalidade municipal, nun val da Ribeira Sacra atravesado polo río Moreda, afluente do Miño. O lugar era coñecido e habitado xa na época romana, da que se conservan indicios e restos de explotacións mineiras.

A película, con música de Mercedes Peón, está producida pola galega Ollo Visión, de Gaspar Broullón e os irmáns Pepe e Jorge Coira; a catalana Fasten Films e a portuguesa filmate. Filmax, do galego Julio Fernández, encargarase da distribución nacional e internacional.

XÉNERO DA LONGAMETRAXE. O Corpo Aberto é unha longametraxe de terror folk. Narra a historia dun mestre que ten por primeiro destino Lobosandaus, unha pequena localidade do Xurés. Nada máis chegar, o escolante percibirá que como a morte convive na aldea de xeito natural coa vida cotiá, ata o punto de que o espíritu dos falecidos pasa a habitar en persoas vivas.

A película, participada por TVG e TVE, conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Instituto de la Cinematografía y Artes Visuales (ICAA).

03 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito