Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha opción para introducir á infancia na longa viaxe da lectura

Despois de ter publicado importantes obras no panorama da Literatura Infantil e Xuvenil galega, como a Historia do can que caeu ao tinteiro no 2008 ou Filiberto e Sofonisba no 2010, Xavier Seoane (A Coruña, 1954), importante figura no eido da renovación cultural artística e literaria do panorama galego desde o 1970, inaugura esta nova etapa literaria no ano 2021 co conto rimado Cancións para Ana Lúa que foi recentemente publicado na colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia.

O poeta e escritor Xavier Seoane é autor dunha numerosa nómina de traballos literarios e conta con traducións a diferentes idiomas das súas obras, ademais de formar parte dun considerable número de antoloxías. Igual de importantes son os recoñecementos á súa obra literaria en repetidas ocasións, como o Premio Cidade da Coruña, o Esquío, o premio Caixanova de poesía, o Premio da Crítica Española ou o Espiral Maior de Poesía.

Cancións para Ana Lúa é un canto á infancia que nos fala de mundos que se atopan lonxe cunha linguaxe poética que, moitas veces, se aproxima ao trabalinguas e que funciona moi coherentemente co labor plástico do pintor Xavier Correa Corredoira (A Coruña, 1952), quen consegue que as ilustracións incorporen toda a maxia do abraiante canto poético infantil de Seoane, dando vida a cada un dos personaxes e mundos que presenta no texto.

Xirando ao redor da temática do soño, preséntanse diferentes personaxes como cans, cervos, merlos, xabarís ou unicornios que nos ensinan mundos reais e fantásticos por medio dun ritmo moi similar á nana ou ás cantigas de arrolo, que enfían cada unha das cancións para amosarnos camiños cheos de diversión, pero tamén de maxia. Consegue así conducir a imaxinación das máis cativas e cativos a outros universos posibles, que poden ser explorados no tempo de lecer e que resultan idóneos para o momento previo do soño, pois invitan a durmir placidamente.

Ler fomenta o crecemento cognitivo e emocional das máis pequenas e pequenos, por iso é de vital importancia que a lectura estea presente na infancia. O delicado estilo de Seoane en Cancións de Ana Lúa, consegue que esta sexa unha opción idónea para introducir á infancia na viaxe da lectura para interactuar co texto, para impulsar a aprendizaxe lingüística e para estimular a imaxinación lectora nas idades máis temperás, ao mesmo tempo que se propón unha actividade divertida e amena que convide a xogar e a fomentar a creatividade na nenez.

marialuciaglezcastro@gmail.com

  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.