Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha ‘spin-off’ de Oxford adquire o sistema da USC de corrección lingüística

ProWritingAid faise cos dereitos do método de Avalingua, desenvolvido fai case unha década

Santiago. A empresa británica ProWritingAid acaba de adquirir os dereitos de explotación para o español de Avalingua, un sistema de corrección e avaliación automática da calidade lingüística dos textos, que emprega técnicas de procesamento da linguaxe natural baseadas en Intelixencia Arficial para detectar e clasificar erros e desviacións a diferentes niveis lingüísticos —ortográfico, léxico, morfolóxico, sintáctico e de estilo—.

O sistema foi desenvolvido na USC, por un equipo de expertos no deseño e implementación de tecnoloxías lingüísticas, formado polos investigadores Isaac González, Paulo Gamallo, Marcos García e Daniel Bardanca.

O proxecto Avalingua naceu hai case unha década, co desenvolvemento dun prototipo para o galego creado no seo da antiga spin-off do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) Cilenis, recoñecida en 2014 coa Honorable Mention na final do Building Global Innovators, unha iniciativa do centro de investigación estadounidense Massachusetts Institute of Technology (MIT) destinada a promocionar proxectos innovadores.

Malia os distintos recoñecemento e as posibilidades da plataforma, non foi ata hai escasamente un ano cando a empresa británica ProWritingAid comezou a amosar o seu interese na ferramenta, particularmente na súa potencial aplicación á lingua española. A compañía, unha spinoff da Universidade de Oxford que na actualidade comercializa un potente corrector gramatical e editor de estilo para inglés, viu en Avalingua unha oportunidade para abrirse paso no mercado hispano falante; así, tras unha serie de conversas e sucesivos acordos, os investigadores da USC comezaron a traballar na adaptación ao español de Avalingua, contando para iso co financiamento do Acelerador de Transferencia de Emprendia (USC), que tamén tramitou a licenza de transferencia tecnolóxica coa compañía.

O licenciamento definitivo á startup do Reino Unido aprobouse finalmente en Consello de Goberno da USC o 25 de febreiro de 2021, establecendo regalías do 7% para a universidade sobre os produtos que se deriven do software e negando a posibilidade do uso exclusivo de Avalingua por parte de ProWritingAid.

PRIMEIRA PRESIDENCIA GALEGO-EUROPEA DUN CONGRESO TRANSOCEÁNICO. Paralelamente, os investigadores do CiTIUS Paulo Gamallo e Marcos García veñen de ser nomeados copresidente e responsable de workshops e titoriais, respectivamente, na XV edición da International Conference on Computational Processing of Portuguese (PROPOR), un congreso científico de máxima relevancia no eido do procesamento computacional do portugués, que terá lugar o vindeiro ano na Universidade da Fortaleza (Brasil), e que por primeira vez inclúe o galego como unha das linguas oficiais de traballo.

“É unha oportunidade magnífica para promover a publicación de novos traballos científicos relacionados coa lingua galega”, asegura Gamallo, que ata o de agora viña desempregando distintas funcións na organización deste encontro bienal, co que colabora dende o ano 2016. Gamallo e García promoverán así, desde as súas responsabilidades no encontro, o envío de traballos relacionados co galego entre os equipos científicos deste eido de coñecemento, que dende o pasado día 17 de maio están chamados a compartir as súas achegas a ámbalas dúas beiras do Atlántico.

O congreso PROPOR, que mantén a tradición dunha dobre presidencia américo-europea, celebrarase en 2022 na cidade brasileira de Fortaleza, centrando a súa actividade en cuestións teóricas e tecnolóxicas do portugués e, nesta ocasión, tamén do galego. “É un desafío para motivar á xente que traballa coa nosa lingua, a ocasión perfecta para que se dinamice máis a colaboración galego-portuguesa”, afirma Paulo Gamallo, quen aspira a que esta nova vía de intercambio científico anime cada vez a máis xente a colaborar nesta área. “Que xa somos bastantes”, lembra, “pero a idea é que neste ámbito do procesamento da linguaxe sexamos cada vez máis”.ecg

31 may 2021 / 18:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
USC
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.