Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha voda típica galega e chea de grandes sorpresas no ‘Casamos!’

agora chega o momento de pasar polo altar para Chus e Bea

Os espectadores de ‘Casamos!’ coñecerán este martes a Chus e Bea, que levan cinco anos xuntas. A súa historia de amor comezou a bordo dun autobús en Murcia, pois Chus era a condutora da liña que sempre collía Bea. Tras intercambiar os teléfonos, comezaron a falar a través de mensaxes e construíron unha verdadeira amizade que axiña se converteu en algo máis. Tras superar unha pequena crise de parella e ir vivir xuntas, agora chega o momento de pasar polo altar e rematar de facer o seu oficial. As noivas de hoxe casarán nunha voda típica galega, chea de sorpresas e de moita festa que mesturará o mellor do norte e do sur.

A REVISTA’. O programa ‘A Revista’ recibirá hoxe a visita de Moncho Méndez, recoñecido como mellor cociñeiro do ano na última edición do Fórum Gastronómico, que se celebrou na Coruña, onde está tamén o restaurante Millo, en que lle dá renda solta á súa creatividade. Méndez comezou fregando pratos en Londres e unha cousa levouno á outra ata destacar como un dos mellores chefs do panorama actual.

No programa deste martes tamén se falará de calotes. Concretamente, a voceira da Policía Nacional, Inés Amor, advertirá os espectadores sobre as estafas cos billetes da lotaría de Nadal, posto que a venda fraudulenta de décimos falsos está á orde do día. Tamén estará no programa José Ramón Oulego, avogado de Adicae, que falará do caso de tres lucenses aos que lles estafaron 170.000 euros en criptomonedas usando o método da simulación.

A piques de chegar o mes de decembro, as festas e as verbenas xa quedan lonxe no imaxinario dos/as galegos/as, pero o espazo da TVG presentará hoxe Extraordinarios Team, unha formación que pretende demostrar que as verbenas tamén son para o inverno. Os seus integrantes, os cantantes de orquestra Laura Añón, Ángel Sevilla, Rocío Varela, Ángel Hasewaga e Diego Moreira presentarán este proxecto en ‘A Revista’.

‘ZIGZAG’. O programa ‘Zigzag’ recibe hoxe a Ángel Cerviño, comisario da mostra aberta no Espazo de Arte Sirvent de Vigo sobre Guillermo Monroy, cando se cumpren 40 anos do seu prematuro falecemento. Monroy formou parte do núcleo fundacional do movemento artístico Atlántica, que propiciou unha radical renovación das prácticas artísticas en Galicia e foi unha peza sen a que non se podería entender este grupo. A exposición amosa unha selección das súas obras, na súa maioría inéditas, que son só unha parte dunha década de dedicación plena á pintura, que deixou un importante legado a pesar da súa xuventude.

Por outro lado, o espazo da G2 ofrecerá unha reportaxe sobre a música da pianista, profesora e compositora Elsa Muñiz, definida baixo o concepto de pianotelling, unha fusión entre literatura e música clásica para piano. Con este novo concepto pretende achegar a música instrumental, de xénero predominantemente clásico, ao gran público, facéndoa máis accesible e dotándoa dun compoñente didáctico e pedagóxico.

Ademais, os espectadores coñecerán esta tarde o traballo da montadora de cinema Ana Pfaff, que tamén se dedica á videoarte, así como á docencia e á realización, facendo especial fincapé nas posibilidades de realización desde a montaxe. Finalmente, Silvia García falará das exposicións da Academia de Roma e ‘Future Stories’, coa que dez novos artistas amosan a súa creatividade no Marco de Vigo.

29 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.