Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha xenuína cosmogonía galega que ten á Moura como protagonista

Non son moitos os volumes que se ocupan da nosa mitoloxía, menos aínda os que o fan pensando no público infantil. Velaí a razón que fai dunha obra como A moura que creou o mundo. O mito galego da creación de Rafael Quintía un texto non só necesario, senón absolutamente plausible.

Publicado por Ab Origine Edicións e ilustrado Polo Correo do Vento, este álbum traza unha xenuína cosmogonía galega que ten á Moura como protagonista indiscutible. Este ser, coñecido na nosa tradición con múltiples nomes (dona, dama, señora, señorita, princesa, raíña, encanto...) encarna a deusa xeratriz, responsable da creación toda.

Así, no relato gnoseolóxico de Quintía a Moura é o piar da explicación mítica da existencia, o ser que, a partir do caos orixinario, concibe un cosmos, un universo ordenado no que todo ten lugar e sentido. Velaí a arrinque da narración de Quintía: “No comezo dos tempos non había nada sobre a Terra, nin vida, nin ríos, nin montañas, nin frío, nin calor (...). Só a Moura existía (...) No comezo dos tempos nada había agás a Moura, e ela decidiu crealo todo”. A partir dese intre orixinario Quintía vai trasladándonos como van sendo creadas todas as realidades coas que convivimos: o ceo, as augas, os montes, a choiva, a sarabia ou a neve. E váisenos dando conta de como desta forza fecundante e divina da Moura foi gardando memoria cifrada o pobo galego, de aí que moitos montes, fontes, monumentos megalíticos e outros elementos da nosa paisaxe leven aínda hoxe nomes que remiten á súa presenza.

Todo este fabuloso relato de Quintía preséntase cos valores engadidos da súa amenidade e didactismo, que o fan un texto idóneo para o traballo con escolares, ao que axudan grandemente tanto as atractivas ilustracións de Polo Correo do Vento como o glosario final que incorpora o volume baixo o título de O manual da Moura, no que se ofrece pedagóxica explicación de que é unha moura e da súa relación con historias diversas do noso imaxinario mitolóxico, salientando o vínculo da Moura coa Galiña e os Pitos de Ouro, coa Serpe ou co tesouro da Grade de Ouro, rematando cun capítulo dedicado ás paisaxes preferentes da Moura (penedos, castros, petróglifos, mámoas etc.) e mesmo das cantigas da literatura de tradición oral nas que aparece.

Xa que logo, A Moura que creou o mundo ha de resultar por forza unha proveitosa lectura para as aulas, onde sen dúbida axudará a mellor comprender a singular cosmovisión que o noso pobo ten da existencia e da súa orixe primeira.

armandorequeixo@hotmail.com

21 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.