Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Vaia Troula’: programa cheo de festas, alegría e devoción

Noelia Rey visitará a romaría da Virxe do Cristal, en Vilanova dos Infantes // Comezo dunha nova temporada do ‘Malicia Noticias’

O ‘Vaia Troula’ deste domingo pola noite ten preparada para toda a audiencia da Televisión de Galicia un programa cheo de festas, alegría e devoción. Desta volta, a mestra de cerimonias, Noelia Rey, viaxa ao concello ourensán de Celanova. Alí, na parroquia de Vilanova dos Infantes, celebran unha nova edición da tradicional e emotiva romaría da Virxe do Cristal, en que os espectadores poderán gozar coas súas fermosas danzas e a Procesión do Encontro. Pola súa parte, a reporteira Belén Vara irá ao Feirón Mariñeiro de Rianxo, un dos grandes eventos das Festas da Guadalupe que celebran estes días nesa vila mariñeira. Adela Bértolo tamén estará en Rianxo para pasalo en grande no día das Juadalupeñas. E Alba Lea terá a oportunidade de vivir a gran noite da Rianxeira, en que milleiros de persoas cantan coas súas bengalas a canción máis universal dos galegos.

Vaia Troula tamén pasarán pola romaría de Santa Eufemia de Leira, en Ordes, pola Festa da Ameixa de Campelo, en Poio, e pola espectacular Procesión das Mortallas, nas Festas do Nazareno da Pobra do Caramiñal. O menú trouleiro deste domingo á noite complétase coa Festa da Pataca de Coristanco e coas Festas do Cristo do Barco de Valdeorras. E, para que a troula sexa total, o programa tamén ofrecerá a actuación da orquestra Acordes.

‘MALICIA NOTICIAS’. Para levar de mellor xeito a rutina, o colexio, o traballo, os madrugóns e o outono, xa está aquí a cuarta temporada do Malicia Noticias. O noticiario regresa este domingo á grella da Televisión de Galicia para tratar a actualidade dun xeito diferente desde un punto de vista retranqueiro e informal, sacándolle punta as cousas das que todo mundo fala. Nesta nova temporada, o programa aposta polo humor sacado do cotiá, da actualidade máis próxima.

Un dos cambios máis importantes desta nova etapa, que continuará emitíndose de domingo a mércores, é que o Malicia Noticias estará presentado por Lucía Veiga. A actriz e cómica faise co centro da mesa, desde onde abordará os temas e as novas co humor, a retranca e a ironía que a caracteriza.

Estará acompañada dos maliciosos máis veteranos, como Noelia Rey, Pepe Capelán e Belén Vara, e doutros colaboradores coñecidos por todos os galegos e galegas como a presentadora de Luar Trisha Fernández, o todoterreo Fran Cañotas ou o actor David Perdomo. Tamén estará a pé de rúa o xornalista Antonio Mosquera, sempre moi ligado á actualidade do noso país e moi atento o que queira contar a xente.

As enquisas en ton malicioso, os xogos, os concursos e o ‘falsísimo directo’ que tanto o caracteriza serán algunhas das armas coas que sairá diariamente ás vilas galegas para facer do micrófono do Malicia Noticias un autofalante ante todos os galegos e galegas.

Ademais, o programa quere converterse nun referente na busca de novas caras, perfís novos que beben de fontes moi diversas, como a comedia a as redes, fundamentalmente. Así, no Malicia Noticias estarán algúns dos tiktokers e intagramers galegos do momento.

‘COMISIÓN DE FESTAS’. A Festa da Empanada da Bandeira é unha festa de Interese Turístico Gastronómico e este domingo será protagonista no programa Comisión de Festas da TVG. Aínda que a asociación Amigos da Empanada está contenta por conseguir esta denominación, eles queren lograr que a festa sexa de Interese Turístico Nacional.

17 sep 2022 / 21:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.