Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Anxo María Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en Xenética

“Cando estou remando, correndo ou, sobre todo, mergullando, véñenme á cabeza miles de ideas”

O profesor Anxo Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC, dirixe o grupo Genomics and Bioinformatics no CiMUS e coordina a labor do Grupo de Medicina Xenómica. Ó longo da súa traxectoria profesional publicou 12 libros e 550 artigos en revistas internacionais de prestixio, como Nature, Science ou Nature Genetics, ademais das principais revistas de xenética médica, cancro e medicina forense. Recibiu numerosos premios, entre os que destacan a Medalla de Ouro e Prata de Galicia, o Premio Rey Jaime I de Investigación, as medallas Adelaide (a distinción máis importante a nivel mundial en medicina forense) e Galien (coñecida como o Premio Nobel do Medicamento), a Medalla Castelao ou o Premio Novoa Santos. Hoxe enfocamos co noso microscopio estival a un Grande de España da Medicina.

Como e onde son as súas vacacións este verán?

De base en Louro, coma sempre dende que era rapaz, e daquí cara ao norte pola Costa da Morte adiante. Terei que vir de todos modos ao laboratorio moi frecuentemente este ano e non poderei desconectar do traballo, pero haberá tempo para todo.

Un recordo da infancia?

De Louro, as ostras con perliñas dentro e as cornas mariñas. Xa non existe nada diso.

A que lle gustaba xogar de neno?

Era malísimo co trompo, as bolas e os mixtos. Mellor no máis deportivo, xogando ao fútbol ou ao frontón. Tamén a xogos de memoria.

Que suscitou o seu interés para estudar Medicina e especializarse en Xenética?

Non o sei ben. Seguramente a influencia de meu avó materno e dun profesor de Peleteiro, don Manuel. Os dous médicos.

A súa receita da avoa?

Curiosamente asocio á miña querida avoa e madriña Dolores con ovos fritos e fresas con nata, pero dela a receita máis importante foi aprender o valor da bondade e da solidariedade.

Que lle preguntaría a Albert Einstein?

¡Tantas cousas! Seguramente lle pediría que me dera un consello sobre como conseguir cambiar o modelo educativo e que xente con imaxinación e creatividade poidera saír adiante sen atrancos.

O seu rincón de pensar?

Cando estou remando, correndo ou sobre todo mergullando, véñenme á cabeza miles de ideas.

A súa praia de cabeceira?

Area Maior, en Louro (aínda que teño a de San Francisco de Louro enfrente da casa).

Tres manías?

Non teño moitas, pero son moi distraído e podo deixar sen contestarlle a quen me fai unha pregunta porque se me vai a mente a outra cousa.

Que lle gusta ler para fuxir do traballo?

Todo o que cae nas miñas mans. Neste intre, relendo a Rafik Schami.

Que canción tarareou na ducha recentemente?

Cando collo unha canción non paro con ela, na ducha e o día enteiro. A última foi Mi tierra veracruzana, de Natalia Lafourcade.

Que foi o máis curioso que lle preguntaron os asistentes ós seus cursos e conferencias?

O máis intelixente foi o dun rapaz con autismo, que en vez de preguntarme de xenética, pregontoume como pensaba eu que sería o mundo do futuro, se sería máis tolerante ca diversidade e con máis valores.

Un país para visitar?

Máis que un país, dous lugares de dous países: Galápagos e as Azores. Dame polas illas.

Adoita vostede durmir a sesta?

Cando podo e me deixan, que é menos do que me gustaría. Os fins de semana non a perdoo.

Que canción lle pon nervioso?

Non son eu de poñerme nervioso facilmente. Se non me gusta, que é raro, non a escoito.

Vainos dar o inverno o covid-19?

Quixera que non. Vai ser complicado cando veñan as outras virosis invernais. A ver se temos pronto a vacina.

Cal é a prenda de vestir máis antiga que hai no seu armario?

Unha chaqueta de pana que non uso nunca debe de ser das máis antigas, e algún xersei que levaba de pesca por debaixo do traxe de mergullo e que agora rescatou a miña filla.

Cal é o gran reto que lle queda por descubrir como investigador?

¡Tantas preguntas que aínda non teñen respostas! Gustaríame descubrir algún tratamento para algunhas formas de cancro e, sobre todo, entender mellor as bases xenéticas dos trastornos psiquiátricos, particularmente en idade infanto-xuvenil.

En que proxecto está traballando actualmente?

Estame dando moito traballo un proxecto de covid que coordino para ver as nosas características xenéticas que condicionan unha mala evolución ou complicacións. Son 25.000 pacientes e están involucrados máis de 100 grupos de investigación e hospitais de varios países. Está sendo un grande esforzo para parte do grupo e para min, pero tamén é moi ilusionante.

A saber que...

• Que humorista o fai rir máis? Sen dúbida, Luis Piedrahita.

• Cal foi a verbena á que asistiu a última vez? Creo que na última visita a Colombia, en Barranquilla.

• É vostede fácil de sacar a bailar?

Difícil. Son moi inútil bailando. Fago o que podo, pero non se me dá ben. Encántame en cambio ver bailar á xente.

• Cal é o obxecto persoal que custodia con máis cariño e por que?

Moitos. O último, unha nota agarimosa da miña filla.

• No eido familiar, en que se considera un experto e en qué pouco útil? Boto unha man con máis vontade que maña no que podo.

• O seu lugar preferido de Galicia?

A Costa da Morte, aínda que a beleza da nosa costa norte é algo espectacular.

• En que situación dixo aquelo de terra, trágame? Co distraído que son é algo que digo a cotío.

• O seu cadro preferido? Moitos. Como na música ou na literatura, son moi ecléctico, e gústanme tantos cadros e de tantos artistas que non podería dicir un só.

• Un vicio confesable? O chocolate e as améndoas.

• Un personaxe histórico? Un pouco de moitos deles. Sempre trato de aprender dos demais.

• O seu prato estival preferido? A ensaladilla rusa é o que me está apetecendo agora mesmo.

• Por último, móllese: con que orquestra ou cantante iría de parranda? Con Miguel Araújo, seguramente. Encántanme as súas cancións e parece un tipo interesante.

01 sep 2020 / 21:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito