Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Descubrindo os segredos que dormen baixo as augas na Costa da Morte

Malpica. Lorena Rey

Gustaríavos saber como é a vida no fondo do mar? A resposta xa ma podo imaxinar polo que vos propoño un plan. A Costa da Morte esconde unha gran riqueza submarina e desde Buceo Malpica tes a oportunidade de descubrila. Con todos os medios ao teu alcance poderás vivir esta experiencia ao largo de todo o litoral descubrindo rincóns únicos.

José Antonio García Montes, máis coñecido por Tono, é o propietario da escola de buceo dende o 2015. Desde neno sempre estivo vinculado ao mar pola súa familia e chegou a aprender a facer pesca submarina coa axuda do seu tío. Cando cumpriu os 18 anos decidiu sacar o título de mergullador profesional para poder traballar disto. Fai cinco anos decidiu crear a escola “xa que era unha actividade que aquí en Malpica era bastante descoñecida”, afirma.

pasiño a pasiño. En Buceo Malpica temos todos os niveis de mergullo. Desde unha iniciación que pode ser como un “bautismo de buceo” que é para ese tipo de persoas que nunca mergullaron pero queren probar. Consiste nunha teoría e práctica rápida pasando a unha pequena cala para probar a respirar debaixo da auga, un nivel básico. “Pode probar calquera persoa a partir dos oito anos e nunca se pasa dos tres metros de profundidade. Sempre vas acompañado dun instructor polo que é moi seguro”, detalla. A partir de ahí, pasaríase a facer un curso homologado a nivel internacional ata os 18 metros de profundidade. Isto non remata aquí xa que se fan saídas durante todo o ano. “Poñemos un día e a xente que ten título pode vir con nós”, explica. Moi interesante porque ademais ofrecen diferentes tipos de inmersión: barcos afundidos, paredóns, covas...

Cando chega o verán hai moito turista que quere probar unha actividade diferente. “Da xente que fai a iniciación hai unha porcentaxe que se engancha que é a que fai o curso e a partir dese momento o que soe facer é mergullar todo o ano”, destaca Tono. Moitos son conquistados por esta actividade e deciden comprar o seu propio equipo de mergullo. Pero non vos preocupedes... para os principiantes a escola alquila o equipamento.

actividade para todos e sen perigo. Haberá xente que o vexa como unha actividade perigosa, algo que Tono quere desmentir. “Iso é porque teñen a imaxe do antigo mergullador escafandrista que o día que fallaba algo morría afogado”, conta. Actualmemente o mergullo moderno é diferente. Os equipos débense revisar unha vez ao ano. Teñen doble regulador por se falla ter outro, ou se o teu compañeiro queda sen aire ter un regulador para prestarlle e ademais, mergúllase sempre en parella... Hai unha lei básica que se a cumpres fai que a actividade non sexa para nada arriscada.

Outro aspecto importante é que para a súa práctica non fai falta unha determinada condición física. “Unha persoa que non faga nunca deporte é capaz de mergullar; loxicamente dentro dos seus límites”, engade.

que precisamos? Adentrándonos un pouco máis neste mundo coñecemos como é un equipo de mergullo obrigatorio. Está o equipamento térmico (traxe,guantes e escarpíns) e a maiores as gafas, a botella e un jacket, chaleco que se incha e se desincha para poder subir e baixar no momento desexado.

O pasado 1 de xullo entrou en vigor a nova normativa de mergullo na que se indica que se debe levar unha boia que se incha no fondo e sube para marcar o sitio no que vas a saír. Tamén é obrigatorio un coitelo ou unha tesoira por se te enganchas cunha rede ou cunha corda e un chifre “por se na saída estás lonxe do barco e non te ven poder silbar para que te escoiten”.

os máis pequenos non se resisten. Ata agora, na escola os atrevidos entraban dentro da franxa dos 25 a 50 anos. Este ano, Tono percibiu un aumento de xuventude e de nenos. “Cada vez hai máis cultura de mergullo en Malpica e nos alrededores, antes víase como estraño e agora os nenos xa o queren como actividade de verán”, destaca. Moitos proban e siguen aprendendo. Tras facer o curso hai a oportunidade de facer especialidades para mergullar de noite e a maior profundidade.

No fondo do mar. Quizais o peor deste lugar sexa o tempo... “Por desgracia estamos na Costa da Morte e xa o seu nome o di”, relata Tono. Seguramente os centros de mergullo situados na ría poidan saír a mergullar sempre. Pero en Malpica teñen outras virtudes. “Temos unha visibilidade que non hai en ningún outro sitio da costa galega”, di. E sorprenderavos, pero un pode sumerxirse ata uns 20-25 metros!

Estaredes coa dúbida do que se pode atopar un no fondo do mar. Na costa non hai grandes animais como tiburóns ou tartarugas, pero si hai moita vida pequena. Maragotas, pintos, sargos, centolas, gambas, caracolas... A cousa non remata ahí, pode haber sorpresas. “Un día vindo de mergullar atopamos un jabalí no mar. Pensamos que era unha nutria e ao acercarnos sorprendémonos”, conta Tono. Das melloras anécdotas que pode contar foi encontrar o Solway , un banco afundido en Malpica no 1843.

Moita xente pensa que só se mergulla no verán pero faise todo o ano. De feito para Tono, os mellores mergullos son no inverno. Teremos peor tempo e máis frío fóra da auga, pero son de mellor calidade ”porque hai menos algas e menos porcallada”. Se non podedes disfrutar desta actividade o que resta de verán, sabedes que o resto do ano poderedes somerxirvos baixo as augas da Costa da Morte.

28 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito