Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Se o hai, o inferno non está na Costa da Morte: alí nin coa vaga de calor demos pasado dos 25 graos”

É catedrático de Electromagnetismo da USC, colaborou en tres traballos de investigación co Nobel de Química John B. Goodenough e é membro do comité de expertos para a reforma da hora oficial española e de Mensa (asociación internacional de superdotados fundada en Inglaterra). Hoxe investigamos a faceta máis persoal do extraordinario divulgador científico Jorge Mira.

Vostede investigou isto: a que altura está o ceo?

A 46.500 millóns da anos luz. 0.45 cuadrillóns de quilómetros, vamos. Se queren saber como se chega a ese número, lean un libro meu que se titula como a súa pregunta.

E entón, existe o inferno?

Naquel estudo meu a clave era a temperatura, así que, se o hai, non está na Costa da Morte: nin coa vaga de calor que asola España damos pasado dos 25 graos centígrados.

A quen lle daría e por que o premio Nobel de Paciencia?

Ao meu irmán Pablo. Nunca o vin levantar a voz nin perder os nervios.

E o de Sorna?

A miña nai, polas elegantes críticas coas que me pon no meu sitio.

O de Ousadía?

A meu pai, cando na miña infancia aparecía unha serpe e nos libraba dela.

O de Mala Hostia?

Aos cans dun veciño que ten unha segunda vivenda cerca da miña casa: non paran de ladrar polas noites cando o tipo non dorme alí. Meten máis ruído que unha manda de botelloneiros. Toda unha agresión á veciñanza. Debería estar penado pola lei.

En que foi mal estudante?

O que peor levaba era o debuxo. Ser daltónico na escola dos anos setenta axudaba.

Que espertou o seu interese pola Física e pola Química?

A min gustábame todo. Quedei coa Física porque, como o sistema me foi obrigando a ir renunciando a materias, a Física e a Matemática foron do que non me puiden separar.

Que lle preguntaría a Einstein?

Como foi o seu primeiro chispazo mental sobre a Teoría da Relatividade.

Que foi o máis gracioso que lle preguntaron alumnos ou asistentes a unha das súas clases ou charlas?

Nunha charla para nenos de Primaria, faleilles da materia escura (que é invisible), e un preguntoume se podería haber naquel momento un ser de materia escura escarallándose detrás de min.

Que obxecto custodia con celo?

As miñas sabas. Durmo en bólas e a miña pel é do máis exquisita coas súas necesidades de tacto, que só me proporcionan certas sabas moi escollidas. A cama, o colchón e as sabas marcan a miña cota máxima de luxo.

Con que frase empezaría a escribir as súas Memorias?

Gustaríame empezar con algo coma: “Agora, que xa paso amplamente dos cen anos, boto a vista atrás e...”

Que foi o último que aprendeu antes de deitarse?

Un detalle estatístico que lin nun artigo científico dun colega sobre a incidencia do coronavirus.

Con que tres personaxes históricos xogaría unha partida de cartas e que tema de conversa sacaría?

Xesucristo, Mahoma e Buda. Preguntaríalles se discrepan en algo.

Cal é o cadro que máis lle impresionou e por que?

Un que me regalou unha amiga, pola sorpresa que supuxo e porque resultou que o pintara ela.

É supersticioso? De que xeito?

Non son supersticioso. O que fago é evitar correr riscos.

Como son as súas vacacións?

Coma sempre, en Baio, a porta de entrada á Costa da Morte; con moito rural e moita praia. Botarei de menos as verbenas, iso si.

A súa comida e a súa bebida preferidas?

Un caldo que fai miña nai e a auga dunha fonte que hai ao carón da miña casa de Baio.

No eido familiar, en que se considera un manitas?

Se conta o de varrer e limpar, aí si que creo que son bo. Se non conta, entón en nada.

Tres palabras Made in Galicia?

Orballo, espallar e morriña.

Que canción o pon nervioso?

Certas odas ao alcol e ás drogas. A de “hemos venido a emborracharnos, el resultado nos da igual” paréceme noxenta.

A mellor posta de sol?

A que ves con tranquilidade.

Tivo algunha experiencia paranormal?

Un día, facendo un trámite nunha administración pública, unha funcionaria díxome que non me podía facer unha cousa porque estaban moi cargados de traballo. Cando mo estaba dicindo, no reflexo dun vidro vin que a súa compañeira estaba ollando unha revista do corazón no ordenador.

Se volvese nacer, en que cruce da súa vida cambiaría de rumbo?

Arrepíntome dalgunhas cousas, e outras faríaas doutro xeito, pero en xeral non me queixo do meu rumbo vital ata agora.

Como son as súas xuntanzas de amigos?

Cada vez en horario máis diúrno.

Móllese: con que orquestra iría de parranda?

Con calquera das que coñezo. Non me atrevería a destacar unhas sobre outras. Teño en alta estima a eses profesionais, que fan de Galicia un sitio distinto, e sinto a situación que sofren nesta crise.

28 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito