Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Verín inaugura mostra sobre Roberto Verino

Baltar pide crer no sentimento de orgullo de ser dun territorio feito con tesón e con creatividade

A Casa da Cultura de Verín acolle dende este xoves a exposición de fotografías 40 anos de Estilo Verino, unha retrospectiva do traballo do deseñador Roberto Verino con imaxes de top models como Christy Turlington, Olatz ou Helena Christensen e fotógrafos como Eloy Lozano, Javier Vallhonrat, Jacques Olivar ou Paco Navarro.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou na inauguración, acompañado polo propio Verino; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a segunda tenente alcalde de Verín, Rosario Rodríguez; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; os alcaldes da Mancomunidade de Verín; deputados, rexedores e concelleiros da comarca.

Baltar valorou o traballo de Roberto Verino ao longo destes anos, destacando os seus vencellos con Verín: “Demostraches que é posible. Témoste acompañado, lideráchesnos, seguímoste, e este é un momento único para presumir, para crer na palabra orgullo e neste territorio, esta provincia da que formamos parte, feita a base de tesón e de compromiso pola historia e polas súas xentes, con traballo, coa emigración, pero sobre todo coa creatividade”.

Despois de que Verino sinalase o seu “orgullo por ser verinense”, reivindicou o de pertenza “un territorio que compartimos e do que presumimos. Ver esta exposición, estes corenta anos, estas corenta fotografías e ver a Verín unida con París, con Nova York, con Christy Turlington, con Helen Christensen... Iso fai corenta ou cincuenta anos era algo que quizais nalgunha imaxinación ou utópica mentalidade puidera existir”.

Aplaudiu a exposición, e avanzou o apoio do goberno provincial ó traballo do deseñador: “A deputación vai acompañar a empresa, que é Ourense, porque Roberto Verino é Ourense, en todo aquelo que pretenda poñer en marcha, porque temos que acompañar aos que cren e demostran as tremendas posibilidades que é dar pasos, atravesar novas dimensións, fixar obxectivos que ao principio poden parecer irrealizables pero que tes demostrado que se poden conseguir”.

Na mostra se pode ver a evolución da propia enseña e o fío condutor é un estilo propio e inconfundible que se percibe nas instantáneas.

Estará en Verín ata o próximo 30 de agosto e percorrerá unha docena de cidades españolas neste 2022 e 2023, entre as que están Sevilla, Oviedo, Santander, Madrid, Santiago ou Bilbao.

01 jul 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito