Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xa está dispoñible o catálogo en liña da exposición ‘Afonso X e Galicia’

Interactivo e en varios idiomas, pódese consultar na web do Consello da Cultura

Santiago. O catálogo ofrece un discurso liñal dunha maneira discursiva por temas arredor da figura de Afonso X e explica a súa orixe, a súa valia, a súa obra e tamén as súas conquistas. Ten unha organización que é paralela a da exposición pero está máis explicada e desenvolvida. “É o texto de referencia ilustrado con exemplos e ten unhas virtudes propias dun libro electrónico como son o son e a capacidade de interactuar co catálogo” explicou o seu comisario, Antoni Rossell. Ademais, engadiu que “o catálogo é a guinda que lle faltaba ao pastel, dalle unidade e pecha o círculo”. O documento interactivo pódese descargar de balde desde o espazo web do Consello da Cultura Galega.

Unha proposta narrativa multimedia

O Centro Sociocultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle ata o 22 de agosto a exposición “Afonso X e Galicia” que pretende achegarnos a figura do rei Sabio desde unha óptica galega. O relato está dividido en varios bloques temáticos, a entrada sitúa ao personaxe Afonso X na súa dimensión máis humana. Outro dos espazos está destinado a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. Nel recréase o scriptorium afonsí, o obradoiro onde os manuscritros e as miniaturas cobran protagonismo presentando o seu labor científico, histórico e cultural. A exposición centra outro dos aspectos á música e aos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas desde o CENTRAD da Deputación de Lugo, que leva anos traballando neste eido. Como non podía ser doutro xeito, ten protagonismo as Cantigas de Santa Maria relacionadas con Galicia se presentarán simultaneamente en varias pantallas aéreas, a modo de constelacións, facendo ese aceno ao mundo da astroloxía e astronomía tan importante para o monarca. O corpus mariano do Rei Sabio, as Cantigas de Santa María, como manifestación visual e sonora da Idade Media galega e europea e como testemuño do patrimonio lingüístico da lingua galega e a súa importancia no mundo románico medieval. O último dos espazos está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas de Santa Maria.

A mostra que se pode ver en Ourense é a mesma que se inaugurou en Santiago e está enriquecida cunha serie de materiais que permiten exhibir a conexión do Rei Sabio con esta provincia. Foron seleccionados por Afonso Vázquez-Monxardín e entre eles destaca “O Tombo das viñas de Ribadavia”, un rolo de pergamiño procedente do mosteiro de Melón, custodiado no Arquivo da Catedral de Ourense que se exhibe por primeira vez. Foi considerado como un dos primeiros documentos en galego, xa que os estudosos que inicialmente o consignaron e editaron deron en datalo nos anos previos ao reinado de Afonso X. Canda el amósase un privilexio rodado que sae o obradoiro do rei Sabio dirixido ao bispado de Ourense para que non paguen un imposto que se chama moeda. Diferentes paneis permiten visualizar o patrimonio afonsino diseminado en preto de sesenta puntos.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, a través de códigos QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados, música e informacións, ademais do catálogo virtual.

Afonso X: un home de cultura

A mostra presenta ao Rei Sabio como un monarca na súa faceta máis humana que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos; que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo. O relato constrúe a un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, prescindindo do estamento relixioso e empregando a lingua castelá na chancillería e o galego na invocación a Deus e á Virxe coa intención de relegar o latín dos clérigos nunha estratexia político-cultural. Neste achegamento tamén afonda na visión de universalidade do Rei Sabio no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. A isto engádese a conexión política do proxecto real con todos os campos da cultura, é dicir, a «utilización» do proxecto cultural con obxectivos políticos, combinando diversos sistemas ideolóxicos para un mesmo fin: a consolidación e xustificación dun proxecto político centrado na persoa do monarca. Todo isto conformaría unha nova identidade lingüística coa promoción da lingua castelá nun ambiente moi marcado pola coexistencia de moitas linguas: galego, occitano, latín, árabe, grego, italiano, catalán, francés...

REDACCIÓN

10 jun 2021 / 18:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.