Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xohana Torres e Anisia Miranda, protagonistas no Día das Escritoras

Organizados varios actos para difundir a figura e a pegada de destacadas autoras nas nosas letras

Diferentes actos homenaxearon e difundiron este luns, coincidindo co Día das Escritoras, a figura ee a pegada de autoras destacadas das nosas letras, aos que sumouse o Goberno autonómico.

Baixo o título Non se acouga con tanta multitude: unha aproximación á obra literaria de Xohana Torres, o Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia acolleu unha conversa entre as autoras Montse Pena Presas e Dolores Vilavedra, que revisou desde unha perspectiva poliédrica e divulgativa a traxectoria da poeta, dramaturga, narradora e ensaísta galega. A abordaxe comezou pola poesía de Xohana Torres, para seguir coa escrita dramática e a produción narrativa, sen esquecer o seu papel como pioneira da literatura infantil e xuvenil galega.

O encontro, que comezou ás 19.00 horas no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen puxo en valor a traxectoria desta autora galega, Premio da Crítica Española en 1981, e incidiu “na calidade e diversidade da súa obra escrita e do seu significativo papel no desenvolvemento da nosa literatura e na normalización e espallamento da lingua galega”. O evento, retransmitido en liña, está dispoñible na canle de YouTube da Cidade da Cultura.

Á mesma hora, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou nun acto en homenaxe á escritora teatral Anisia Miranda que se celebrou na Fundación Xosé Neira Vilas, ubicada en Vila de Cruces.

A ofrenda floral no cemiterio parroquial de Gres deu paso á lectura pública de fragmentos dunha das obras da autora, Mitos e lendas da vella Grecia, e á revisión da súa traxectoria literaria.

Premio de teatro para a infancia. O acto incluíu a presentación do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia, co que colabora a Consellería de Cultura coa finalidade de impulsar e estimular a creación teatral e de proporcionarlles a nenas e nenos obras que poidan representar en público.

Poderán participar todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos inéditos escritos en lingua galega. O prazo de admisión de orixinais pecharase o 24 de febreiro do próximo ano, Día de Rosalía de Castro. O premio está dotado con 1.000 euros e entregarase o 27 de marzo, Día do Teatro.

A conmemoración do Día das Escritoras arrancou en 2016 por iniciativa da Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (Fedepe) e a Asociación Clásicas e Modernas.

Desde aquela, procura visibilizar o labor das mulleres no ámbito literario.

Celébrase cada ano no luns máis próximo á data do 15 de outubro, correspondente á festividade da escritora e relixiosa santa Tareixa de Ávila.

18 oct 2021 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.