Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xosé Neira Vilas, reeditado na colección Árbore de Galaxia

Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) foi, sen dúbida, un dos escritores máis sobranceiros da literatura galega do século XX e comezos do XXI. Cultivou practicamente todos os xéneros literarios e as súas obras alcanzaron un gran recoñecemento. Especialmente destacado é o éxito que colleitou Memorias dun neno labrego (1961), pois alén de ser a obra máis editada da literatura galega, foi traducida a multitude de linguas. Para o público infantil e xuvenil, Neira Vilas publicou un amplo abano de títulos, entre os que destacan Cartas a Lelo (1971) ou Espantallo amigo (1971).

A finais do pasado ano 2021, a Editorial Galaxia reeditou tres novelas deste autor: Camiño bretemoso (1967) e Remuíño de sombras (1973), que pasan a formar parte da Biblioteca Neira Vilas, e De cando o Suso foi carteiro (1988), que xa está dispoñible na colección infantil e xuvenil Árbore. Esta última reedición, dirixida ao lectorado a partir de 10 anos, recupera as lembranzas como carteiro de Xesús Neira Vilas, –irmán do autor e encargado de substituílo “no trasfego de lle dar ao zoco, coa carteira ó lombo”, polos camiños da súa aldea natal, Gres (Vila de Cruces)–. Nesta ocasión, a narración está acompañada polas marabillosas ilustracións de Kristina Sabaite (Kaunas, Lituania, 1979), que lle outorgan ao conxunto unha enorme fermosura, ao mesmo tempo que facilitan o seguimento do fío argumental.

En definitiva, grazas á editorial viguesa agora é máis doado acceder a estes títulos de Neira Vilas. Ademais, De cando o Suso foi carteiro é unha excelente opción para fomentar o diálogo interxeracional entre avós e netos, pois permite que o lectorado máis novo se aproxime ao modelo de infancia que viviron os seus devanceiros e coñezan o contexto social e costumes daquela época.

ngardia@cirp.gal

18 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.