Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xuventude Crea galardoa o enxeño e a destreza literaria

Esta edición acadou un récord de participación// 500 mozos presentaron a súa candidatura

    Política Social premia o talento das mozas e mozas participantes nas modalidades de Banda Deseñada, Poesía e Novela Curta do Xuventude Crea. Esta semana déronse a coñecer os gañadores das tres disciplinas deste certame que vai dirixido á mocidade residente en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

    Na edición deste ano da categoría de Banda Deseñeada presentáronse 17 obras. O primeiro premio foi para Miguel Pérez Ramudo (Cambados), pola obra Joaquín Vaamonde, unha promesa truncada da Xeración Doente (1871-1900); o segundo foi para Juan Gras Area (Marín) por Retorno da Habana; o terceiro galardón recaeu en Sergio Ocampo González (Ponteareas) por Malcriada; e a mención de honra foi para Cristian Fojón Caruncho (Ortigueira) por Río de lembranzas.

    Na especialidade de Poesía presentáronse 58 pezas, todas elas orixinais, inéditas e en galego. O poema gañador foi A bóveda do ceo de Ciro Fernández Briones (A Pobra do Caramiñal); Bechiños de Alba Ermida Area (Poio) foi o segundo premio e As lebres cando saltan de José Ismael Ramos Castelo (Noia) resultou terceiro.

    Novela Curta. Pola súa banda, Novela Curta é, xunto con creación de videoxogos, unha das novas modalidades deste ano do Xuventude Crea. Neste primeiro ano presentáronse 11 solicitudes, seis delas de mozos e cinco mozas. De igual forma que as pezas de Poesía, deben ser orixinais, inéditas e escritas en galego.

    Nesta categoría, o gañador foi Adrián Gómez Ramos (Rianxo), pola obra Cando sangren os lobos. O segundo premio foi para Pedro Aarón Álvarez Pérez (Vilamartín de Valdeorras) por Na Porta. Alba Ermida Area (Poio) coa peza Co desexo nos ollos consigue o terceiro premio, sumando así dous premios nas categorías de Poesía e Novela curta. Outorgouse unha mención de honra a Andrea Ladrón de Guevara Jato (Mugardos) pola obra A Prosperidade.

    Catorce categorías. Ademais de Banda Deseñada, Poesía e Novela Curta, o certame premia as mellores creacións noutras 11 disciplinas: Fotografía, Artes Plásticas, Teatro, Cociña, Creación de videoxogos, Danza moderna, Deseño de xoias, Graffiti, Moda, Música e Videocreación.

    Os premios para cada especialidade son de 3.000 euros o primeiro premio, 1.500 euros o segundo premio e 1.000 euros o terceiro premio. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

    A edición deste ano do Xuventude Crea acadou un récord de participación, con preto de 500 mozas e mozos que presentaron as súas candidaturas, fronte as 382 do ano anterior.

    29 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito