MEDIO RURAL

Identifican a unha veciña de Coristanco como autora de varios lumes forestais no municipio

O primeiro lume e varios conatos rexistráronse o 24 de marzo e o último o pasado domingo

En total, a superficie afectada foi dunha hectárea de monte

Un axente da Unidade de Investigación de Incendios Forestais recollendo datos dun lume

Un axente da Unidade de Investigación de Incendios Forestais recollendo datos dun lume / Xunta de Galicia

J. M. Ramos

Axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, veñen de identificar a presunta persoa autora de varios lumes na parroquia de San Xusto, no concello de Coristanco.

Os axentes ambientais da UIFO empezaron a traballar sobre a zona o día 24 de marzo, data na que se rexistrou o primeiro dos incendios e na que observaron tamén varios conatos previos. O último lume aconteceu o pasado día 21 deste mes de abril e a superficie afectada total por estes incendios foi dunha hectárea de monte, aproximadamente.

O traballo de investigación permitiu recadar as probas indiciarias suficientes para poñer a disposición xudicial a persoa que presuntamente provocou os incendios forestais. O labor dos axentes da unidade de investigación desenvólvese en estreita colaboración co resto de axentes ambientais e persoal do dispositivo do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF).

A presunta autora destes lumes é unha veciña da parroquia de San Xusto. Unha vez rematadas as primeiras dilixencias, remitiranse ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Carballo.

 A Unidade de Investigación de Incendios Forestais está despregada por todo o territorio galego, onde continúa coas investigacións recadando probas para traballar na identificación e posta a disposición xudicial dos presuntos incendiarios