Padrón celebra o seu San Xoán de Raio coa comida de confraternidade

A deste ano é a edición trinta e dúas deste xantar, que congrega centos de persoas cada ano

Tradicional procesión de San Xoán de Raio por Padrón.

Tradicional procesión de San Xoán de Raio por Padrón. / CONCELLO

ECG

O Concello de Padrón celebra un ano máis o seu tradicional San Xoán de Raio. A orixe da festividade remóntase ao 1613 e este ano celebrarase o vindeiro luns 6 de maio. O actos da xornada consistirán na recepción de autoridades na casa consistorial e a posterior procesión do santo dende o Concello ata a igrexa de Santiago, ademais dunha misa coa música da Coral Val do Sar.

A Praza de Macía da capital padronesa será outro dos escenarios da festa coa actuación da Tuna de Veteranos da Coruña. Por último, como adoita levarse a cabo tódolos anos, terá lugar a comida de confraternidade para a terceira idade no Hotel Scala. Será preciso retirar a invitación antes do día 3 de maio no Centro Social.

A deste ano é a edición trinta e dúas deste xantar, que congrega centos de persoas cada ano. Nesta ocasión haberá servizo de autobuses para os maiores de 60 anos a partir das 11.00 horas e con volta ás 19.00 horas. O final da festa chegará a partir das 20.00 horas da man da orquestra Los Satélites no campo do Souto.