Opinión | Olladas ao país

A hexemonía soberanista en Euskadi

Nas eleccións vascas de antonte PNV e EH Bildu quitaron máis dos dous terzos de votos (67,70% : 35,12% o PNV e 32,58% EH-Bildu) e 54/75 deputados, PP e PSE quitaron cadanseus 7/75 e 12/75, con cadanseus 14,2% e 9,15% de votos e pequenas subas a respecto de 2020, fronte á catástrofe de Elkarrin-Podemos, que perde os seus 6 escanos de 2020 dos que Sumar só foi quen de recuperar un. Mentres Vox mantiña o seu escano, malia o curto 2% de votos que quitou globalmente.

A comparanza destes resultados do soberanismo vasco cos que obtiveron historicamente é moi rechamante. Pensemos que PP e PSE no 2009 xuntaron maioria absoluta entre os dous (38/75), que baixaron no 2012 a 26, mentres agora só quitaron 19 por xunto. Velaí, evidentemente, unha das chaves da votación de antonte.

A segunda chave é que Euskadi constitúese como comunidade política dende certo grao de confederalidade. Malia que Biscaia ten tantos electores (arredor de 950.000) como sumados os de Áraba e Gipúscoa, os tres territorios históricos elixen cadanseus 25 deputados. Isto permite que Áraba elixa un deputado de Sumar e outro de Vox cos resultados pouco superiores, nos dous casos ao 3% no territorio, moito máis baixos no conxunto do país. Na Araba compre observar que o avance soberanista nestas eleccións e, moito máis en conxunto, nos últimos quince anos é moi potente. 

A terceira chave é que o PNV gaña en votos polo seu liderado en Biskaia (39,6% PNV fronte ao 28,3% de EH-Bildu), mentres EH-Bildu, empatándolle en escanos, gaña con claridade Áraba (29,6% vs 27,3) e Gipúscoa (40,4% vs, 31,8). De todos os xeitos o empate a 27 partindo dos 31 do PNV e 21 de EH-Bildu no 2020 sinala unha evolución nidia. Malia que o PNV salve o liderado teórico e máis o Goberno que manterá co PSE a remuda da representación, como pasou na Galicia, anuncia un probábel cambio político na contorna de 2027-2028.

O case nulo custo do grave erro de Otxandiano, o candidato abertzale, ao non condenar a violencia de ETA (en política democrática compre condenarmos a violencia sempre e en todo lugar) porén, reflicte que Euskdi mira cara adiante e que o desarme unilateral de ETA, sen lle quitar culpa ningunha polos seus asasinatos, marcou definitivamente a Euskadi moderna que xa considera o conflito parte do pasado.

Cara ás “batallitas” madrileñas, salienta a forza minguante das forzas estatais e unionistas: Sumar e Podemos afúndense e Vox sobrevive malia non representar case ninguén, mentres o PP non sae da irrelevancia e o PSE, cunha cota de votos semellante á do PSdeG o 19-F, cura parcialmente o desgusto das eleccións galegas en Ferraz e achega algo de oxíxeno a un Sánchez que continua a surfear as ondas montañosas da lexislatura.

Euskadi demostrou, como fixo Galicia o 19-F e demostrará Catalunya o 12-M, que a súa cidadania vota unha axenda de seu e que o seu sistema político é substancialmente diferente ao da que definiu con acerto o profesor Miguel Anxo Bastos (USC) como “a España española”.