Outes redeseña o paseo do río Tins

A humanización da praza consistorial será o primeiro dos tres proxectos que se executarán para reordenar e integrar o curso fluvial na trama urbana //As obras teñen xa financiamento e ascenden a 210.000 euros // Os seguintes serán unha bancada xunto á casa da cultura e unha pasarela

Recreación da pasarela deseñada para o paseo do río Tins, en Outes, que conectará a Serra de Arriba e a Serra de Abaixo / concello de outes

Recreación da pasarela deseñada para o paseo do río Tins, en Outes, que conectará a Serra de Arriba e a Serra de Abaixo / concello de outes / suso souto

O alcalde de Outes, Manuel González, presidiu este luns a presentación de tres proxectos cos que pretende mellorar a integración urbana do río Tins ao seu paso pola Serra de Outes e que se integran no Plan de Reordenación de Espazos e Integración Ambiental do Río Tins, no marco da iniciativa Renatur-Outes, que elabora a Universidade da Coruña e financia a Fundación Biodiversidade con fondos Next Generation.

O primeiro, que xa conta co financiamento do Plan de Sustentabilidade Turística da Ría de Muros e Noia, é o de humanización da praza consistorial e mellora da súa conexión co paseo fluvial. Con el preténdese recuperar este histórico espazo situado á beira do Concello e que nestes momentos atópase moi degradado. O orzamento ascende a máis de 210.000 euros e financiarase integramente cos fondos sinalados.

O segundo proxecto é o da bancada para a conexión do paseo fluvial e a casa da cultura co centro urbano na Serra de Outes, co que se pretende mellorar a conexión e percepción do paseo fluvial da Horta do Muíño coa trama urbana da capital do municipio. Neste caso o orzamento supera os 80.000 € e xa foi presentado para recibir financiamento do Programa Hurbe, da Consellería de Medido Ambiente, Territorio e Vivenda. Segundo indicou o alcalde, o obxectivo é asinar un convenio coa Consellería este mesmo ano.

O terceiro proxecto é o dunha nova pasarela sobre o río Tins, que servirá para conectar a praza consistorial coa rúa do Tines e dese xeito mellorar a conexión da Serra de Arriba e a Serra de Abaixo. Neste caso o orzamento ascende a 125.000 € e o deseño xa foi presentado á convocatoria do GDR Deloa, así como ó da mellora de infraestruturas turísticas da Xunta para o seu financiamento.

No acto de presentación participaron tamén os arquitectos Óscar Fuertes e Carlos Campos e proxectouse un vídeo que recrea o resultado final das citadas actuacións.

Óscar Fuertes é profesor da UDC e é o responsable de elaborar o Plan de Reordenación de Espazos e Integración Ambiental do Río Tins, dentro proxecto Renatur-Outes. Fuertes indicou que se traballa tamén para unha cuarta intervención nunha zona actualmente degradada do río, á que se accede dende a rúa do Tines, e que antigamente era usada como pequena praia fluvial.

O arquitecto local Carlos Campos, que é o autor dos proxectos de mellora da praza consistorial e da bancada para conexión do paseo fluvial, indicou que con eles búscase recuperar eses espazos para a cidadanía e mellorar a calidade de vida e o atractivo turístico da vila da Serra de Outes. O alcalde dixo que serán un cambio transformador e que agarda que se fagan realidade o antes posible.