Camariñas volve a ser o epicentro mundial dos encaixes de bolillos na Semana Santa

A Mostra das puntillas xunta na súa trinta e dúas edición a palilleiras de oito países // Trece grandes deseñadores e corenta mozos exhiben as súas coleccións na pasarela de moda // As portas continuarán abertas ata o domingo

A trinta e dúas edición da Mostra do Encaixe abriu as súas portas este mércores en Camariñas convertendo á vila no epicentro mundial das puntillas ata o vindeiro domingo, xa que na capital do Vilán palillarán esta Semana Santa artesás chegadas dende Bélxica, Bulgaria, Eslovaquia, Italia, Suiza, Polonia e Portugal, compartindo espazo coas palilleiras da Costa da Morte.

Artesanía, moda, gastronomía, música, humor e deportes náuticos complementarán e axudarán a valorizar o prezado encaixe durante cinco días. Esta será a Mostra con máis desfiles, xa que na pasarela de Camariñas amosarán as súas coleccións con encaixes trece firmas de grandes deseñadores. Son Modesto Lomba, Dolores Cortés, Esteban Freiría, Edith del Valle, Claudina Mata, Franco Quintáns, Andion, Ana Cabranes, Miques Suay, Jorge de Álvarez, K-Kou, Jose Matteos e Sara Lage.

Xunto a eles, corenta mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda exhibirán a súa creatividade no XXIX Concurso de Noveis Deseñadores, dotado cun total de 4.500 euros en premios.

Ademais, doce artesáns chegados desde distintos puntos de Galicia demostrarán que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais. Farano a través dos desfiles de ArtEncaixe, que comezarán este xoves ás 12.45 horas. Outra das novidades é o desfile ReEncaixando, no que volverán á Mostra as coleccións dalgúns dos participantes no concurso de 2022. A cita é o domingo, día 9, a partir das 12.45 horas.

Haberá tamén desfiles protagonizados por palilleiras e por 50 nenas e nenos das escolas municipais.

A XXXII Mostra do Encaixe foi inaugurada polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, quen enxalzou o traballo das palilleiras destacando que “en calquera lugar do mundo, dicir encaixe é dicir Camariñas”. Un logro que, engadiu, “débese ao traballo de tantas xeracións de palilleiras que mantiveron viva a tradición ao longo dos anos. Por todo iso, Camariñas converteuse nun exemplo cando falamos de moda, vangarda, artesanía e cultura”, apuntou.

No acto tamén participaron a subdelegada do Goberno, María Rivas; o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor; e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, ademais de alcaldes, concelleiros e representantes de diversas entidades da Costa da Morte.

María Rivas destacou o “espírito loitador das palilleiras, que foron quen de consolidar un oficio que xera riqueza e enaltece a identidade cultural. Salientou que a Mostra do Encaixe “é un referente turístico e polo de atracción non só para a comarca senón para toda Galicia”.

Gonzalo Trenor subliñou que “o encaixe é o sinal de identidade de Camariñas, polo que esta terra é coñecida e apreciada en todos os recunchos do planeta. A proba é que durante estes días pasarán por esta instalación turistas de todos os continentes”. Recalcou ademais que “case o 60 % das palilleiras galegas residen neste concello”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Sandra Insua, cualificou á Mostra como “o encontro de encaixe máis grande do mundo, con 32 anos de historia”, e subliñou que “en Camariñas celebrase unha das pasarelas de moda máis importantes de España”.

Lembrou que a feira das puntillas “viviu unha edición tralo Prestige, coa vila asolagada polo chapapote e a pena, e unha pandemia. Cada edición leva algo de nós, e o privilexio que nos queda é o de formar parte de todo isto e poder seguir dando parte de nós a Camariñas, aos seus veciños e a esta industria que deriva tanto en ser frescura como sensatez, a propia das máis maiores, que xa non palillan dentro dos límites dun pano, senón que o fan máis aló da propia almofada”.

Música, humor, gastronomía e literatura como complemento

O labor das palilleiras e as creacións de moda veranse complementadas con música, humor, gastronomía e literatura. O actor e humorista Touriñán presentará o sábado, día 8 ás 20.30 horas, un monólogo na pasarela de moda, e o domingo, día 9 ás 21.00 horas, subirá ao escenario o músico camariñán Lopes.

Ademais, durante os cinco días, o son dos palillos mesturaranse nos pavillóns da Mostra coas notas musicais das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén se celebrará o VI Encontro de Corais (domingo 9, a partir das 11.45 horas).

A Camariñas achegaránse tamén Ainhoa Conde para presentar o seu libro Devotos do destino, Alén do Vilán; Ana de las Heras, coa súa obra Travesía del sentir, e Alfonso de Sas, que presentará El cementerio de los ingleses.

A Mostra do Encaixe conta tamén con varios postos de gastronomía e acolle demostracións en vivo doutras modalidades artesanais. Os máis pequenos da casa poderán gozar da feira cos xogos e actividades que se ofertan nun parque infantil que está atendido por monitores especializados.