Unanimidade no Parlamento na solicitude dunha unidade de estranxeiría para Noia

A deputada popular Ana Belén García Vidal nunha sesión no Parlamento

A deputada popular Ana Belén García Vidal nunha sesión no Parlamento / Xunta

Redacción

O Parlamento galego aprobou por unanimidade a proposición non de lei do PP para instar ó Goberno central a crear unha unidade de estranxeiría en Noia que facilite os procedementos para a obtención de documentación persoal, tanto dos cidadáns españois coma dos estranxeiros.

A deputada popular Ana Belén García Vidal explicou que a creación desta unidade “posibilitaría a tramitación e renovación do DNI electrónico, pasaporte e outros servizos de estranxeiría, evitando así ter que desprazarse a Santiago ou a Ribeira”. Ditas unidades teñen competencias para expedición de documentación de residentes nacionais e permisos de residencia e de estranxeiros. “Dado que as comisarías de Policía non cobren as necesidades existentes, creáronse unidades en diferentes poboacións que, por ser localizacións estratéxicas ou cabeceiras de comarca, xustifican a súa instalación”, dixo.

Un equipo da Policía Nacional visita Noia periodicamente para a expedición e renovación do DNI, pero non pode realizar outros trámites, como a expedición do pasaporte, a actualización dos certificados dixitais do DNI ou documentación de estranxeiría.