Ruiz advirte dos efectos negativos de non contar con orzamento para este ano en Ribeira

Redacción

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas alertou este venres das consecuencias negativas as que se enfrenta Ribeira por non contar cos orzamentos. O rexidor compadeceu ante os medios uns días antes de que se celebre o pleno extraordinario da Corporación para abordar o Orzamento Municipal de 2023, sesión convocada para o vindeiro martes día 18.

Ruiz Rivas, quen explicou que non recibiu ainda ningún tipo de proposta ou suxestión, recalcou que contar cun orzamento sempre é mellor que non telo. Ademais, avanzou que no caso de que as eleccións de maio conducisen a un cambio, o seu grupo non será obstáculo para que se poida modificar o documento.

Entre as consecuencias que entrañaría seguir sen orzamentos subliñou que en gastos de persoal existe un desfase superior ao millón e medio de euros dende o 2021 (ano do último orzamento), que se corresponde cos incrementos salariais do 2 e do 1,5 % do ano pasado e do 2,5 % do ano en curso, así como da RPT, a carreira horizontal e 19 novos postos de traballo. Tamén dixo que non se pode recuperar o aparcamento soterrado do Centenario, que ponse en perigo a continuidade do Servizo de Atención ao Fogar e as prazas na escola infantil, entre outros.