Doan ao Concello de Camariñas dúas figuras relixiosas históricas

As pezas foron entregadas por Juan J. Suárez-Perdomo, no centro / C. C.

As pezas foron entregadas por Juan J. Suárez-Perdomo, no centro / C. C. / REDACCIÓN

Redacción

O Concello de Camariñas vén de recuperar para o seu patrimonio dúas figuras relixiosas históricas, grazas á cesión da familia Adell. Juan José Suárez-Perdomo Adell, neto dun fareiro de Vilán, cedeu as dúas imaxes de xeito desinteresado ao municipio tras atopalas na casa que os seus avós tiñan en Camariñas.

Son dúas figuras de estilo gótico e pertenceron á igrexa de Camariñas. Os técnicos que as revisaron aínda non puideron precisar con exactitude a súa data, pero semella que foron realizadas entre os séculos XIV e XVII.

Ambas as dúas imaxes exporanse de xeito provisional no Museo do Encaixe. Unha vez estea rematado o Museo dos Naufraxios, pasarán a formar parte do patrimonio cultural exposto nel. José Suárez-Perdomo Adell naceu en Santa Cruz de Tenerife, pero ten raíces en Camariñas. A súa avoa, Lucia Soneira Lema, era camariñá, e foi en Camariñas onde coñeceu ao seu home, Juan Adell, natural de Castellón, que prestou servizo no faro Vilán na primeira parte do século XX.