No primeiro trimestre creáronse na comarca 163 sociedades mercantís, case dúas por día

A cifra supera nun 11,6 % os niveis previos á pandemia, no mesmo período de 2019 // Esa boa evolución débese en gran medida aos 26 Concellos Emprendedores da zona, nos que se constituíron un 77,3 % do total das compañías

Panorámica do polígono industrial de Carballo, un dos Concellos Emprendedores / polígono de carballo

Panorámica do polígono industrial de Carballo, un dos Concellos Emprendedores / polígono de carballo / suso souto

Os concellos limítrofes á capital galega e que conforman a área metropolitana de Santiago de Compostela contabilizaron ao longo do primeiro trimestre deste ano a constitución dun total de 163 sociedades mercantís (preto de dúas empresas ao día). Esta cifra supón consolidar non só as cifras acadadas en anos anteriores, senón que tamén se superan os niveis previos á aparición da covid.

Obras de la planta que Conservas Cerqueira constrúe no recinto empresarial de Rianxo / sea

Obras de la planta que Conservas Cerqueira constrúe no recinto empresarial de Rianxo / sea / suso souto

De feito, entre xaneiro e marzo de 2022 creáronse 163 empresas e, no mesmo período de 2019, constituíronse 146 compañías, 17 menos que no primeiro trimestre deste ano. É dicir: o incremento con respecto ao mesmo período de 2019 é do 11,6 %.

Polo tanto, en 2021 a área metropolitana de Santiago mantén unha evolución positiva que incluso foi mellorando durante a pandemia.

Neste sentido, se se comparan as cifras do ano pasado con respecto a 2012 (ano máis antigo do que se teñen publicados na web do Instituto Galego de Estatística os datos de explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil), tamén medra o número de empresas creadas (+27 sociedades mercantís entre xaneiro e marzo), pasando de 136 compañías nos primeiros tres meses de 2012 ás 163 no exercicio actual.

A localidade na que máis sociedades mercantís se constituíron no primeiro trimestre deste ano é Lalín (17), seguida de Ames (16), Carballo (14), Ribeira e Boiro (12 en cada caso), A Estrada (7), A Laracha, Malpica e Santa Comba (6 en cada caso), Muros (5), O Pino, Frades e Ordes (4 en cada caso), A Pobra, Dumbría, Noia, Oroso, Teo, Vedra e Rois (3 en cada caso), Negreira, Coristanco, Outes, Porto do Son, Trazo, Boqueixón e Zas (2 en cada caso) e Arzúa, Rianxo, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Carnota, Lousame, Val do Dubra, Padrón, Melide, Mazaricos e Silleda (1 en cada caso). Os únicos concellos nos que non se creou ningunha firma nese período son os de Touro, A Baña, Laxe, Tordoia, Brión, Dodro, Camariñas e Vimianzo.

Esta evolución positiva débese principalmente aos municipios que se adheriron á rede de Concellos Emprendedores. Das 50 localidades que conforman a área metropolitana de Santiago e que se teñen avaliado neste informe, un total de 26 son Concellos Emprendedores.

Cómpre destacar que nestes últimos municipios constituíronse 126 das 163 empresas rexistradas no que vai de ano (é dicir, pese a ser a metade dos concellos da comarca, representan 3 de cada 4 novas compañías creadas, un 77,3 % do total).

Ademais, os 26 Concellos Emprendedores son os que teñen contribuído en maior medida ao incremento de empresas creadas con respecto ao primeiro trimestre do ano pasado: o balance en 2023 é positivo porque nos Concellos Emprendedores se constituíron 126 compañías, 10 máis (+8,62%), mentres que nas 24 localidades que non se adheriron á rede o número de empresas creadas entre xaneiro e marzo foi de 37, nove menos que no mesmo trimestre de 2022 (descenso do -19,57 %).

BONIFICACIÓNS.

A figura de Concello Emprendedor (creada pola Xunta coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias e que agora está consolidada a nivel lexislativo) implica que colaboran coa Administración autonómica na captación de novos investimentos para Galicia. En concreto, contribúen a alcanzar tres grandes retos: máis simplificación administrativa (bonificacións nos impostos de bens inmobles, actividades económicas e construción para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, con ata o 95 % de bonificación se crean máis de vinte postos de traballo; como mínimo o 75 % cando sexan entre once e vinte empregos; e un mínimo do 50 % pola creación de ata dez postos de traballo); máis facilidades de acceso a solo industrial (concesión das licenzas de obra maior nun prazo máximo de trinta días naturais desde que dispoñen de todos os informes); e máis incentivos fiscais (bonificacións e incorporación do dereito de superficie para favorecer o acceso a solo empresarial).

PRIORIDADE NAS AXUDAS.

A cambio, os Concellos Emprendedores teñen prioridade en convocatorias de ordes de axudas da Xunta de Galicia dirixidas, por exemplo, á mellora dos parques empresariais, posta en marcha de viveiros industriais, impulso da biomasa, etcétera. Deste xeito, contribúese tamén á creación de emprego.

En Galicia, 153 municipios xa se sumaron a esta iniciativa, dos que 40 se atopan na provincia da Coruña. Este último dato pon en evidencia o peso que ten a comarca de Santiago. De feito, ademais dos 26 municipios con esa consideración da área metropolitana que se teñen avaliado neste informe, podería engadirse tamén a propia cidade de Santiago de Compostela, que se incorporou ao protocolo de Concellos Emprendedores en xaneiro de 2020.

“Galicia é o lugar máis axeitado para investir pola confianza e seguridade que achega ao tecido empresarial á hora de poñer en marcha novos proxectos. Os datos de creación de empresas na área metropolitana de Santiago de Compostela confirman esta posición”, sinalan ao respecto dende a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación. “Desde a Xunta, seguirase traballando nese labor de acompañamento ao tecido empresarial para identificar novas oportunidades”, engade, explicando asimesmo que, neste sentido, a Lei de simplificación administrativa axiliza o procedemento, reducindo os prazos de tramitación ao tempo que se manteñen todas as garantías xurídicas.