Medra a actividade en Carballo, Ribeira e A Pobra, pero ata 2025 non terán máis chan empresarial

No primeiro trimestre recibiron 47 solicitudes de licenzas // Na capital de Bergantiños, 5 negocios instalaranse no centro comercial A Revolta, que abre o día 8 // Esgotadas as parcelas nos polígonos da Tomada, Bértoa e Xarás

Imaxe aérea do complexo comercial A Revolta, que abrirá as súas portas o oito de maio / p. comercial a revolta

Imaxe aérea do complexo comercial A Revolta, que abrirá as súas portas o oito de maio / p. comercial a revolta / REDACCIÓN

Redacción

Os proxectos de ampliación de chan industrial avanzan con lentitude en tres dos concellos da área de Santiago con máis urxencia nese eido e nos que, sen embargo, se está a rexistrar un forte auxe nas actividades empresariais. A Pobra, Ribeira e Carballo suman xa 47 solicitudes de licenzas de actividade no primiero trimestre do ano, pero o horizonte das novas superficies industriais sitúase en 2025... sempre e cando non xurdan complicacións.

No polígono industrial de Bértoa só quedan dispoñibles actualmente cinco parcelas / polígono de carballo

No polígono industrial de Bértoa só quedan dispoñibles actualmente cinco parcelas / polígono de carballo / REDACCIÓN

O Concello de Carballo recibiu no primeiro trimestre un total de dezasete solicitudes de licenza relacionadas con actividades empresariais, na súa maioría para a posta en marcha de novos negocios, e ademais moi variados. Por poñer algúns exemplos, entre as iniciativas emprendedoras en marcha figuran unha clínica dental, un laboratorio de prótesis dentais, unha xestoría, unha comercializadora de pinturas, un taller de manualidades, varios locais de oficinas, un centro de estética, un negocio de reparación e lavado de vehículos ou unha empresa de deseño dixital. Noutros casos o que se tramita é un cambio de actividade ou de titularidade de establecementos, varios deles do sector da hostalería.

Cinco das dezasete comunicacións previas están vinculadas ao próximo inicio da actividade do parque comercial A Revolta, que ten fixada a data de inauguración para o vindeiro día seis de maio e a de apertura ao público para o oito dese mes. En concreto, estas comunicacións previas son para tendas de roupa, calzado, produtos de veterinaria e perfumería e para unha churrería.

O auxe empresarial en Carballo non só se reflicte nos datos das solicitudes de licenzas de actividade, senón tamén nos de obras de construción e renovación. Entre xaneiro e marzo presentáronse no rexistro municipal solicitudes de permisos para a construción de tres naves industriais no polígono de Bértoa, onde este tipo de obras teñen os días contados, porque xa só quedan cinco parcelas dispoñibles.

En canto aos proxectos de edificación residencial, nos tres primeiros meses do ano presentáronse solicitudes de licenza para a construción de cinco vivendas unifamiliares, e tres delas xa foron aprobadas pola xunta de goberno local na sesión da semana pasada. Ubicaranse nos núcleos de Leira, Imende, Vilanova, Artes e Fontecaldeira.

Pero este auxe da actividade empresarial choca coa lentitude no proxecto de ampliación do polígono industrial de Bértoa. Carballo leva anos reclamando a dotación de máis chan industrial, ante a saturación do polígono, no que xa só quedan cinco parcelas dispoñibles e que, segundo a administración local, están xa en fase de adxudicación.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou en xaneiro o proxecto de ampliación, que contempla un investimento de 18,7 millóns de euros para incrementar a superficie nuns 581.000 metros cadrados, que se sumarán aos máis de 718.000 actuais.

Neste momento estase a traballar no Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial, unha figura que, segundo a consellería, está incluída na Lei de áreas empresariais de Galicia, que entrou en vigor o pasado mes de novembro e que pretende axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación do solo industrial na Comunidade.

A Xunta destinará este ano preto de 180.000 euros a traballos técnicos coa previsión de redactar e aprobar o proxecto de urbanización e expropiación de solo para a ampliación do parque empresarial no primeiro semestre de 2024 e, a continuación, licitar as obras. O obxectivo é rematar esta actuación a mediados de 2025.

Ao igual que os de Carballo, os empresarios de Ribeira levan anos loitando pola creción de chan industrial, ante a saturación do de Xarás. E, aínda que na capital do Barbanza xa está bastante avanzada a tramitación administrativa para crear un novo recinto de 260.000 metros cadrados en Pedras Vermellas, o certo é que o horizonte vén sendo o mesmo: mediados de 2025, segundo o alcalde, Manuel Ruiz.

Actualmente está a exposición pública o proxecto de urbanización, que o rexedor espera abrobar de maneira definitiva no pleno antes de que remate a lexislatura, ao igual que o proxecto de expropiación.

“Se todo vai ben, as obras poderían licitarse en xullo, e tendo en conta que durarán entre 16 e 18 meses, o novo polígono estará dispoñible no primeiro semestre de 2025”, explica o mandatario ribeirense.

En canto ás solicitudes de licenzas de actividade, o Concello recibiu vinte e seis no primeiro trimestre.

TERREOS E FINANCIACIÓN.

Tamén na Pobra do Caramiñal os empresarios levan dende o ano 2019 (cando se esgotaron as parcelas da primeira ampliación do polígono industrial da Tomada) demandando máis chan. O Concello segue a explorar as zonas máis axeitadas, polo que, de momento, falar de prazos é bastante prematuro.

Igualmente, o Concello de Boiro leva dous anos e medio á busca de financiación para a construción dun segundo polígono na zona de Vista Alegre, co que poder resolver o problema de espazo para novas industrias que hai no de Espiñeira. O recinto proxectado abarcaría unha superficie de máis de 341.827 m2.

Na comarca do Deza, Lalín está pendente da redacción do proxecto de ampliación da cuarta fase do polígono Lalín 2000, e no de Tabeirós-Notes, A Estrada prevé comezar a ampliación do recinto empresarial de Toedo en 2024. Por outra banda, a Xunta deu luz verde ó de Pontecesures, pero o proxecto está paralizado de momento polo rechazo de veciños e pendente de estudos.