Alumnos do IES de Valga compararán a calidade do compost comercial e o que producen

Alumnado do ciclo de Agroxardinería comparará a calidade do compost que produce co comercial

Alumnado do ciclo de Agroxardinería comparará a calidade do compost que produce co comercial

Redacción

Supervisado polo investigador científico Pedro Revilla, profesorado do IES de Valga e o mestre composteiro do Concello, Yoel Castro, o alumnado do ciclo de Agroxardinería e composicións florais deste instituto está a calibrar a valía do compost producido no seu propio municipio cunha plantación de millo, tomate, leitugas e xudías no vello campo de fútbol de Baño.

Así, aplicáronse dous tipos de abono para comparar os resultados: un a base de compost natural producido no composteiro comunitario do colexio Baño-Xanza e mais compost comercial. Ademais, axudados dunha moto aixada, removeron a terra para integrar nela o abono. Posteriormente, fixeron a plantación, incluíndo tanto semente coma especies xa agromadas.

O obxectivo é que na época de colleita se tomen datos sobre a altura das plantas, rendemento e caracteres específicos de cada cultivo. Ademais, en colaboración coa Universidade de Vigo, realizarase unha análise de posibles contaminantes que teña o compost e que poidan traspasarse ao solo ou incluso á planta.

Búscase poñer en valor as potencialidades do compost urbano para uso agrícola fronte a outros fertilizantes e demostrar que é óptimo e non ten repercusións negativas ou indesexadas.