Convenio co CSIC para poder estudar as potencialidades agrícolas do compost de Valga

Momento de asinar o acordo de colaboración.

Momento de asinar o acordo de colaboración. / Concello de Valga

REDACCIÓN

O Concello de Valga asinou un acordo de colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia, centro adscrito á área de Ciencias Agrarias do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), para estudar a potencialidade agrícola do abono natural que se produce en Valga a través do sistema de compostaxe, tanto comunitario como doméstico, implantado hai máis de dous anos.

O convenio foi asinado polo director da Misión Biolóxica, Rafael Zas, e polo alcalde, José María Bello, que recibiu na casa consistorial a dous dos expertos que participarán no estudo: Pedro Peón, xestor de proxectos do centro, e Pedro Revilla, investigador científico e coordinador do proxecto internacional Dromamed de promoción de sistemas agrícolas innovadores, no que se enmarca este acordo.

O obxectivo é poñer en valor as potencialidades do compost urbano para uso agrícola fronte a fertilizantes inorgánicos ou químicos, avanzando cara un sistema produtivo máis sostible e con menor impacto no medio ambiente.