Corte dun carril na autovía Santiago-Brión por asfaltado dende o martes

Chegará tamén á vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas // Custará 5,9 millóns e alongarase catro meses

A Xunta advirte de que a execución das obras de renovación do firme na autovía Santiago-Brión (AG-56) e na vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas fará necesario o corte dun carril a partir do vindeiro martes, cando se prevé que se inicien os traballos. A intervención de mellora do firme suporá un investimento de case 5,9 millóns, asumido dentro do contrato de concesión da autovía. As obras serán executadas pola UTE Firmes AG-56, formada polas empresas Francisco Gómez y Cía, S.L. e Extraco; Construccións e Proxectos, S.A.

Para acometer estas actuacións, cuxo prazo de execución é de 4 meses, será preciso o corte puntual de tráfico nun carril da AG-56, desviando o tráfico nese sentido polo carril que permaneza operativo. O corte puntual nun dos dous carrís realizarase alternando o tráfico de ambos os sentidos polo carril que estea activo. Todas estas afeccións ao tráfico estarán debidamente sinalizadas mediante sinalización vertical e nos correspondentes paneis de sinalización variable.

As obras consistirán no acondicionamento do firme de puntos ou zonas singulares onde exista un deterioro acentuado, mediante o fresado de 5 cm de capa de rodaxe e a reposición de 5 cm con mestura intermedia. E tamén se selarán as fisuras transversais e estenderase unha nova capa de rodaxe no tronco, ramais e enlaces. Estas actuacións complementaranse coa posterior reposición da sinalización horizontal e vertical.