Investimento millonario para reactivar as prazas de abastos galegas

Serán 4,6 millóns para dinamización // Poderán optar 18 entidades

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, centro, informou nunha visita ao mercado de Ribeira desta nova iniciativa

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, centro, informou nunha visita ao mercado de Ribeira desta nova iniciativa / Xunta

Redacción

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, informou hoxe nunha visita ao mercado de Ribeira da nova convocatoria de axudas para o impulso dunha Rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización das prazas de abastos que o Diario Oficial de Galicia (DOG) prevé publicar mañá. Con este programa, ao que a Xunta de Galicia destina 4,6 millóns de euros, búscase apoiar máis dunha vintena de municipios, así como arredor de 18 asociacións e federacións de praceiros.

Durante a visita Heredia salientou o papel do mercado de Ribeira como motor do comercio local e destacou a calidade e a variedade dos seus produtos e a profesionalidade dos profesionais que nela traballan. Neste sentido, o director xeral de Comercio e Consumo lembrou que a través da iniciativa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, cuxo prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte á súa publicación (do venres 28 de abril ao luns 29 de maio), búscase potenciar as prazas de abastos atendendo ás necesidades tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras. 

Así, entre os principais obxectivos atópanse aproveitar a situación estratéxica dos mercados e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, vinculándoos ao entorno no que se integran, ao produto local e a valores como a sustentabilidade, a protección do medio ambiente e o trato personalizado. Do mesmo xeito, búscase mellorar a súa accesibilidade, acadar a súa modernización e dixitalización e incrementar os servizos que se prestan á clientela.

No caso dos concellos, os apoios céntranse na mellora das instalacións, dos servizos para a clientela, o equipamento comercial e a eficiencia enerxética. As axudas poden alcanzar os 221.000 euros para os mercados que non contan aínda co selo de Mercado Excelente, e de ata 181.000 euros no caso de mercados que xa contan con este distintivo. Os apoios chegan ata o 80% do investimento subvencionable, dependendo do tipo de actuación a desenvolver. 

Entre as distintas actuacións subvencionables atópanse, segundo o tipo de beneficiario, desde accións de mentoring e formación para os praceiros a rehabilitación e reforma construtiva do estado do edificio, así como a rotulación de postos e a adquisición de equipamento persoal para os praceiros coa imaxe corporativa do mercado, a posta en marcha de aparcadoiros, plans de xestión de residuos ou a habilitación de postos para garantir o grao de diversificación da oferta. Tamén se apoiará a adquisición e instalación de equipos de frío industrial e de mostradores, vitrinas, taquillas e expositores refrixerados, ou sistema de iluminación enerxeticamente eficientes e portas de acceso de apertura e peche automáticos. 

No caso das asociacións de prazas de abastos e mercados, con axudas máximas de ata 11.200€, apoiarase o mantemento dos marketplaces; a dinamización comercial; actuacións de fidelización da clientela, como a loxística e-commerce ou as aplicacións móbiles con puntos de desconto ou similares; o equipamento persoal dos praceiros coa imaxe común e corporativa do mercado e o equipamento dos postos; e o funcionamento das unidades xerenciais. No que respecta ás federacións, poderán obter axudas de ata 38.400 euros, que se centrarán no mantemento dos marketplaces e nas accións de dinamización comercial.