Caamaño pídelle aos catoirenses que escollan “entre un mozo ou 36 anos da mesma retórica”

Estivo arroupado por Ethel Vázquez e polo presidente provincial do PP // Luis López pediu o voto para o candidato que, co seu equipo, “son a referencia política e a esperanza”

O candidato Iván Caamaño entre Luis López e Ethel  Vázquez tralo mítin do PP de Catoria/ PP DE G

O candidato Iván Caamaño entre Luis López e Ethel Vázquez tralo mítin do PP de Catoria/ PP DE G / s. e.

O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra e delegado territoria de la Xuntal, Luis López, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, arrouparon ao candidato á alcaldia de Catoira, Iván Caamaño, no mitin que os populares celebraron o luns na localidade pontevedresa. Na súa intervención, Caamaño pediu aos votantes que escollan “entre unha persoa moza ou os que levan trinta e seis anos coa mesma retórica”.

Nese mesmo mitin, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, pediu o voto útil para Iván Caamaño e o seu equipo porque son “a referencia política e a esperanza dos veciños de Catoira”.

Así, dixo o responsable provincial que fronte a proxectos “esgotados ou sectarios”, Iván e o Partido Popular representan “o futuro, o traballo, as ideas, a consecución de máis investimentos, o progreso e a atención aos veciños. Catoira necesita un cambio de marcha, precisa que a revolución tranquila, con cabeza e sentidiño que representa Iván, tome as rendas do concello e se poña a traballar a outro ritmo”, precisou.

No mitin tamén participou a responsable de Infraestruturas e Mobilidade do Goberno galego, Ethel Vázquez, quen recordou que durante este mandato, “Iván xa exerceu como o auténtico alcalde, conseguindo investimentos millonarios para Catoira e atendendo un por un a todos os veciños”.

Sobre esa última afirmación, Vázquez destacou “a súa intelixencia, a súa capacidade de traballo, a súa vontade e as súas gañas e ilusión por defender e mellorar a vida dos veciños de Catoira”.

Nesta mesma liña incidiu o candidato, Iván Caamaño, que dixo que o 28 de maio os veciños terán a posibilidade de escoller “entre unha persoa moza, con proxecto e que demostrou que sabe gobernar, ou entre os dous de sempre, que levan 36 anos coa mesma retórica”. Así, critica o desgaste de PSOE e Bloque que, despois de todo este tempo, “foron incapaces de facer unha lista que cumpra as condicións mínimas para gobernar”.

INVESTIMENTOS.

O candidato popular puxo en valor o feito que nestes catro anos levaron adiante “investimentos e proxectos por valor de máis de cinco millóns de euros, demostrando que somos capaces de gobernar”.

Un aval que, engadiu Caamaño, está seguro de que os veciños van valoralo para elixir, de forma maioritaria, ao equipo de Iván Caamaño para gobernar os vindeiros 4 anos.

“Representamos á maioría dos catoirense. Somos un partido unido, comprometido, que atende e entende a todos os veciños por igual, independentemente de a quen voten, fronte á radicalidade doutros partidos en Catoira”, finalizóu a súa intevención o candidato do PP.