Síguenos en redes sociales:

O Bloque aposta por un goberno con AxA e PSOE en Arzúa, liderado por Xoán Xesús Carril

O Bloque aposta por un goberno con AxA e PSOE en Arzúa, liderado por Xoán Xesús CarrilBNG

O responsable local do BNG en Arzúa, Manuel García, informou onte de que a asemblea da organización, reunida na noite do xoves, acordou abrir “un proceso de negociación con Alternativa por Arzúa e PSOE para conformar un goberno liderado polo Bloque con Xoán Xesús Carril como alcalde de Arzúa” ,explicou o voceiro. Así, o responsable da organización nacionalista anunciou que desde o BNG emprazaron xa a ambas formacións políticas a manter xuntanzas nos vindeiros días e a comezar “un proceso de negociación serio e transparente”, sinalou.

Desde o Bloque Nacionalista Galego fan un chamamento “á responsabilidade dos outros dous grupos para garantir en Arzúa un alcalde do BNG, que faga posible a conformación dun goberno alternativo, estable e sólido para que o noso concello avance” explicou García.

“Desde o BNG imos deixar a pel por traballar por Arzúa, por constituír o mellor dos gobernos e comezar a traballar desde o minuto un por abrir un tempo novo, porque iso é xustamente o que dixeron as veciñas e veciños de Arzúa o pasado domingo nas urnas” concluíu o responsable local do BNG.

Lembrar que nas eleccións do 28-Ma forza gañadora en Arzúa foi o Partido Popular, que obtivo o 39,17% dos votos (1.365) e acadou 6 concelleiros. A segunda forza máis votada foi o BNG, con 866 votos (o 24,85%) e tres concelleiros, seguido de Alternativa por Arzúa, o partido do actual alcalde, que obtivo o respaldo de 827 votantes (o 23,73%) e 3 concelleiros, e por úlitmo o PSOE, que logrou 389 votos (o 11,16%) o que equivale a unha acta.

Así, as forzas de esquerdas suman 7 concelleiros e poderían gobernar se alcanzan un acordo. Pola súa banda, os populares reclaman que se deixe gobernar ao partido máis votado e gañador dos comicios municipais.

Pulsa para ver más contenido para ti