O actual alcalde en funcións de Muxía, Iago Toba (PSOE, 5 edís), só seguirá no cargo senón prosperan as negociacións abertas entre PP (3 edís), Independentes por Muxía (2) e BNG (1). Así o confirmou o edil nacionalista Carlos Fernández, quen descarta apoiar aos socialistas “porque non estamos dacordo coa súa xestión nestes últimos catro anos e non queremos ser copartícipes da mesma”.

En canto ao acordo acadado a nivel autonómico polo PSOE e BNG, Fernández Concheiro asegura que “é xenérico e prevé casos especiais, e este o é”. Non obstante, aclara que outra liña vermella que non rebasarán os nacionalistas “é apoiar nin formar parte de ningún goberno do PP”.

Dúas condicións que, a priori, deixan como única vía aberta a opción de que sexa o independente Javier Sar (IxM) quen asuma a alcaldía e o futuro goberno muxián. Unha posibilidade que o concelleiro do BNG sí ve factible, “aínda que non hai ningún acordo ao respecto”. Neste caso, o PP, que lidera Sandra Vilela, como segunda forza máis votada, tería que renunciar tamén a liderar unha alternativa ao PSOE de Iago Toba.

O que sí teñen claro os tres grupos que tentan artellar unha alternativa é que ningún deles está disposto a facilitar a continuidade dos socialistas, agás que entre eles non se chegue a un acordo, o que permitirá a Iago Toba renovar o seu cargo por ser a forza máis votada e con máis concelleiros na futura Corporación muxiana.

Agardo que entre o luns e o martes poidamos ter unha resolución definitiva”, sinalou Carlos Fernández Concheiro.

Sinalar tamén que o propio Iago Toba descartou calquer acordo para formar goberno coas outras forzas políticas, e avoga por gobernar en minoría.