A Casa da Matanza acolle a presentación do ensaio de García Negro sobre Rosalía

O acto celébrase ás 20.00 horas e a autora estará acompañada por Anxo Angueira e Xosé Axeitos

Mural solidario de Rosalía de Castro

Mural solidario de Rosalía de Castro / Art for Dent

Preséntase no auditorio da Casa-Museo o Anexo nº1 da revista de estudos rosalianos Follas Novas, a obra O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de Pilar García Negro. Será esta tarde, ás 20.00 horas, e participarán no acto, alén da autora, o director da revista, Xosé Luís Axeitos, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Este libro convértese así no número I dos Anexos de Follas Novas, que aspira, como o seu nome e significación etimolóxica apuntan, a ampliar e completar os horizontes de diálogo coa obra de Rosalía. O estudo da profesora García Negro toma como obxectivo a análise dos elementos paratextuais da obra de Rosalía, títulos, prólogos e dedicatorias das obras máis importantes, nomeadamente.

Nesta elección, que fixa a atención en textos considerados menores, comeza a novidade do traballo que presenta unha faceta reflexiva e crítica apenas contemplada da poeta. Os textos, no seu conxunto, esbozan principios e preocupacións moi pouco frecuentados pola cultura da época.

Desta preocupación e principios que amosan os textos estudados xorden as máis relevantes conclusións esbozadas polo estudo da obra que se presenta: en primeiro lugar, a incorporación de Rosalía a un xénero, o ensaio, sen modelos galegos inmediatos que a guíen; e, en segundo, “o que ten a ver co espertar dunha conciencia específica de xénero, como muller, como galega, como escritora”, explican.