A Estrada aposta pola abordaxe integral da violencia de xénero e da corresponsabilidade

O Concello presentóu o Plan de Igualdade que desenvolverá nos vindeiros cinco anos

Contén 5 obxectivos xerais, 12 específicos e 76 medidas contra a discriminación

As concelleiras e a directora do CIM xunto ao alcalde da Estrada na presentación do plan

As concelleiras e a directora do CIM xunto ao alcalde da Estrada na presentación do plan / concelllo

O Concello da Estrada presentou este venres o seu V Plan Municipal de Igualdade e de Prevención da Violencia de Xénero. Este plan está promovido polo Concello e o Centro de Información ás Mulleres da Estrada, financiado con fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade e elaborado por Apaioga (Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega).

O plan foi presentado pola responsable do CIM, Marga de la Calle, e pola axente de Igualdade, Lara Fuentes, nun acto ao que tamén asistiron o alcalde, José López Campos, e a concelleira Amalia Goldar. Trátase dun documento-guía para os vindeiros cinco anos que conta cuns obxectivos claros e unhas medidas deseñadas para reforzar, coordinar e intensificar a promoción da igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero. Nel distínguense cinco áreas de acción: abordaxe integral da violencia de xénero, educación en igualdade, participación social, apoderamento e benestar, emprego, conciliación e corresponsabilidade e transversalidade de xénero na administración local.

En total, o plan está composto por 5 obxectivos xerais, 12 obxectivos específicos e 76 medidas deseñadas para corrixir ou compensar as situacións de desigualdade e discriminacións existentes. Ponse énfase na sensibilización á sociedade sobre as distintas formas de violencia contra as mulleres con medidas como a presentada esta semana, o protocolo de actuación ante agresións sexuais en espazos de ocio, así como o reforzo da interderivación e o impulso da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero, entre outras.

No eido da educación en igualdade destacan as medidas destinadas á sensibilización, formación e implicación de toda a comunidade educativa con obradoiros nos que abordar as ciberviolencias, as novas masculinidades ou a diversidade afectivo-sexual. Tamén se deseñaron medidas para ampliar a sensibilización a toda a sociedade a través de actividades lúdicas, culturais ou redes sociais.

No eido social, apoderamento e benestar recóllense medidas orientadas á mellora do benestar da poboación e ao apoderamento das mulleres. Na area de emprego, conciliación e corresponsabilidade búscase potenciar a incorporación e permanencia das mulleres no mercado laboral, promover a responsabilidade do empresariado local e fomentar a corresponsabilidade e a conciliación.

Por último, búscase un modelo de gobernanza que incorpore a transversalidade de xénero en todos os procesos da organización.