Rianxo dedícalle cinco días ao jazz en rúas e prazas e engalana edificios históricos con iluminación artística

A Big Band da Escola de Música abre o mércores un programa que inclúe concertos de seis grupos e unha mostra de Veiras Manteiga

Pola esquerda, Muíños, Susavila, Alcalde, Veiras e Rodríguez, ante algunhas obras da mostra / c. de rianxo

Pola esquerda, Muíños, Susavila, Alcalde, Veiras e Rodríguez, ante algunhas obras da mostra / c. de rianxo / suso souto

A Escola de Música e o Concello de Rianxo e o Museo do Gravado de Ribeira aliáronse para organizar o festival Noites de Jazz, que do 2 ao 5 de agosto ofrecerá na vila rianxeira seis concertos e unha exposición.

O programa comezará este mércores 2 ás 22.00 horas na Praza de Rafael Dieste coa actuación da Big Band da Escola de Música, formada por alumnado e profesores do curso específico impartido este mes por Alfredo Susavila e Bernal Muíños.

O xoves 3, á mesma hora e no mesmo lugar, actuará o grupo Laroá, que busca a fusión de ritmos propios, tradicionais e jazz artellando a viaxe sonora que ofrecen as súas dúas voces femininas, acompañadas de saxos, clarinete baixo, baixo eléctrico, teclado, percusión, gaita, whistle, batería e percusión. O venres 4 ás 13.00 horas terá lugar a actuación de The Sar Swing Quintet na rúa de Abaixo, e volverá o jazz á Praza de Rafael Dieste ás dez da noite con David Regueiro Trío e Alexandre Cavaliere. David, con doce discos editados, é un dos guitarristas de gypsy jazz máis prominentes de España.

Na derradeira xornada, a do sábado, o turno de mañá na rúa de Abaixo será para Teshuva. Tuba, saxo soprano, acordeón, guitarra e voz fan a mistura indispensable nunha viaxe entre culturas.

E como broche final, o sábado ás 22.00 horas na rúa de Abaixo, será o concerto de Cromática Pistona, unha banda madrileña concebida como orquestra popular de swing-jazz-rock con tres discos publicados.

Ademais, o auditorio acollerá unha exposición do artista José Luis Veiras Manteiga ao redor do jazz. As obras foron realizadas expresamente para a mostra. Para a súa elaboración inspirouse no jazz de diversas partes do mundo, como o francés (a outra patria artística do pintor), o cubano ou o americano de Luisiana e Florida. A técnica utilizada é a da estampa dixital. Na presentación do festival participaron tamén o concelleiro de Cultura de Rianxo, Julio Alcalde, e o director do Museo do Gravado de Ribeira, Pastor Rodríguez.

Por outra banda, no marco do Festival da Lúa, terán lugar hoxe domingo, a partir das dez da noite, proxeccións de iluminación artística nas fachadas da capela da Guadalupe, o Museo do Mar, o Cuartel Vello, o Pazo do Martelo, a igrexa de Santa Columba e as casas de Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste.