O Pino rende culto ao galo piñeiro na súa Festa e Mostra Cabalar de Interese Turístico

A XXII Feira de Galos e Galiñas desta raza do Pino inclúe tamén obradoiros, actividades infantís, degustación de galo, un xantar popular e moita música

Asistentes á exposición na pasada edición da Festa do Galo Piñeiro do Pino

Asistentes á exposición na pasada edición da Festa do Galo Piñeiro do Pino / concello do pino

Redacción

Como cada primeira fin de semana de agosto, o Concello do Pino celebra este sábado 5 e o domingo 6 a Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, unha cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia que alcanza a súa vixésimo segunda edición. Xunto aos tradicionais certames de galo piñeiro e de cabalos, a feira inclúe obradoiros, actividades infantís, degustación de galo, o tradicional xantar popular e moita música. Ademais, este ano tamén se levará a cabo a feira Artesanía no Camiño co obxectivo de amosar o labor de todas as persoas que traballan en prol da conservación das tradicións e da cultura da contorna.

A Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar abre o sábado coa actuación Unha noite de foliada, cos Druidas e a Banda de Música de Arca ás 20.00 horas na Praza de Forcarei. Ás 22.30 horas, a praza consistorial acollerá o espectáculo Suaren Bataila, da compañía Hípica Celta, que mestura técnicas de lume, interpretación, danza e acrobacias.

Xa o domingo abren a Mostra Cabalar (ás 09.00 horas) e a XXII Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira (ás 10.00 horas). A partir das 11.00 sucederanse as propostas para a veciñanza e os visitantes coa actuación da charanga NBA e a apertura da feira Artesanía no Camiño, que inclúe talleres demostrativos de bolillos, bordado ao aire, coiro, actividades participativas para toda a familia, xogos e animación de rúa a cargo de Fantoches Baj (13.00 horas), O Mago Teto (pases ás 17.00 e ás 19.00) e o grupo teatral Ó Cubo (18.00 horas).

Ao tempo que comeza a sesión vermú con José Manuel (Os Trovadores) de Eme Music, chega a degustación gratuíta de galo piñeiro (13.00 horas) e o pregón, que este ano correrá a cargo da deputada autonómica e secretaria xeral do PPdeG Paula Prado del Río.

A entrega de premios aos gañadores dos diferentes apartados dos mellores exemplares de galos e galiñas servirá así mesmo para dar paso ao xantar popular (ás 15.00 horas) baixo a carpa situada na Praza de Forcarei.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas reabre a Mostra Cabalar e entrégase o premio especial Faísca ao mellor Pura Raza Española nado e criado en Galicia. As probas de doma vaquera e de arrastre serán outros dos grandes atractivos deste domingo no Pino a partir das 19.00 horas, xunto á concesión de galardóns aos gañadores da Mostra Cabalar deste ano.

A festa conclúe a partir das 21.30 horas co espectáculo ecuestre nocturno con luz e son a cargo de Paco Martos, titulado Horse Show.

Como é tradición xa, a XXII Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira do Pino reparte premios para os tres mellores galos, as tres mellores galiñas, os dous mellores galos de curral e o mellor animal da exposición.