Arrinca a consulta pública para que a veciñanza da Laracha teña voz na remodelación da casa do concello

Poderán decidir por internet sobre a estética exterior, a mellora da contorna ou a localización dos servizos

Teñen prazo ata setembro

A casa do concello da Laracha que vai ser remodeladacon aportacións dos fondos Next Generation

A casa do concello da Laracha que vai ser remodeladacon aportacións dos fondos Next Generation / Concello de Santiago

A casa consistorial da Laracha será obxecto dun amplo proxecto de rehabilitación que promove o Concello co propósito de mellorar a súa estética, funcionalidade e sustentabilidade. E nesta ambiciosa iniciativa, os veciños poderán trasladar as súas aportacións para un proxecto orzamentado en 1,25 millóns de euros, contándose para o seu cofinanciamento cunha achega económica de 700.000 € procedente dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública.

Así, e ao tratarse dunha actuación clave e de interese xeral para os laracheses ao implicar un cambio substancial tanto no propio edificio como na praza do Concello –que conforman un ámbito emblemático na capital municipal configurando, ademais, unha das imaxes máis emblemáticas e recoñecibles da Laracha–o Concello– promoverá a participación cidadá para recoller datos sobre diferentes cuestións de interese. Ditas opinións serán tomadas en conta no proxecto definitivo para melloralo, optimizalo e adecualo aos criterios expresados pola cidadanía.

Desta forma, desde este mércores, e ata o 2 de setembro, estará dispoñible a enquisa na que calquera persoa, residente ou non na Laracha, poderá expresar a súa opinión sobre aspectos relacionados coa estética exterior da casa consistorial, a mellora dos espazos circundantes e da accesibilidade, a conservación das zonas verdes, o aumento da eficiencia enerxética, a tipoloxía do material a empregar no proxecto construtivo e a nova posición dentro do edificio dos servizos de atención ao cidadán e do rexistro central, entre outras. Tamén existe un apartado para achegar propostas ou suxestións.

A casa do concello da Laracha cumprirá o ano que vén o cincuenta aniversario desde a súa inauguración en 1974. Durante este medio século só foi obxecto dunha reforma de entidade: a realizada en 1989 e consistente na construción do segundo andar e dos espazos do baixo cuberta. A través desta ligazón pódese acceder á consulta.