Amicos xuntou máis de 80 expertos co reto de avanzar na creación de boas prácticas inclusivas

Unha das actividades desenvolvidas nas xornadas de Boiro / cedida

Unha das actividades desenvolvidas nas xornadas de Boiro / cedida / j. m. ramos

Máis de 80 expertos, autoridades educativas e profesionais comprometidos coa promoción da inclusión en contornas de aprendizaxe non formal participaron na primeira xornada promovida por Amicos. O encontro tivo lugar na casa da cultura de Boiro e nel abordáronse “temas relevantes e vitais para a creación de espazos educativos inclusivos e acolledores”, afirman.

O evento contou coa participación de Gey Lagar, responsable do programa Parques e patios dinámicos, e tamén se deron a coñecer as experiencias dos CEIP Santa Baia de Boiro e Carrasqueira de Pontevedra para crear un ambiente inclusivo.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, tamén se sumou ás xornadas, nas que apelou “a seguir dando pasos e traballar xuntos para favorecer a inclusión nas actividades de educación non formal”.

A iniciativa forma parte do proxecto INC-Leisure, cofinanciado polo programa Erasmus+, no que colaboran tres entidades de Portugal, Macedonia do Norte e Alacante.