Arantza Portabales abriu os encontros literarios do instituto de Baio co Club de Lectura de Adultos

Encontro literario coa escritora Arantza Portabales en Baio / IES m.r.

Encontro literario coa escritora Arantza Portabales en Baio / IES m.r. / J. M. RAMOS

A escritora Arantza Portabales inaugurou os encontros literarios no IES Maximino Romero de Lema, de Baio (Zas), cos membros do Club de Lectura de Adultos, cos que intercambiou reflexións, ao redor dunha taza de café e nun ambiente moi distendido, de aspectos diversos referentes á obra que leva por título O home que matou a Ana Morgade.

A continuación foi a quenda do alumnado de 1º de Bacharelato co que a autora falou de xeito máis extenso do seu proceso da escrita en xeral, e da súa última publicación. Comentou que neste libro quixo centrarse na culpa, en como afrontar a perda dun ser querido, e tamén quixo tratar o tema do abuso e do medo a denunciar por mor do xuízo social ao que se somete ás vítimas.

Destacou que nesta novela o importante non é quen é o asasino, senón como os personaxes principais viven o medo á posibilidade de ser as súas próximas vítimas, e confesou que empezou a escribir por afección e que acadou un espazo no que é totalmente libre a base de abandonar outras responsabilidades.

TEMAS