Pulo xacobeo ao Camiño Muros-Noia

O presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, asina no Libro de Honra de Noia flanqueado polos edís Marisol Villar e José Pérez.

O presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, asina no Libro de Honra de Noia flanqueado polos edís Marisol Villar e José Pérez. / Asociación Concellos do Camiño de Muros-Noia

Suso Souto

A Academia Xacobea celebrou este martes en Noia a xornada denominada Camiño da ría Muros-Noia Portus Apostoli, en colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, que reivindica a oficialización deste itinerario como ruta de peregrinación.  

A xornada deu comezo ás 10.00 horas coa recepción dos integrantes da Academia Xacobea no Concello e o inicio dun periplo polo itinerario do Camiño de Santiago en cada un dos municipios, onde a delegación formada por unha quincena de académicos foi recibida polas correspondentes autoridades municipais: en Muros, Outes, O Son e Lousame.

Ás 17.30 horas tivo lugar o acto solemne da Academia Xacobea no Casino de Noia, nas instalacións cedidas polo Concello para que a entidade poida celebrar as súas actividades. “Non admite dúbida o respaldo histórico do Camiño a Santiago da Ría de Muros-Noia”. Así de contundente se manifestou o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou.

Posteriormente celebrouse o acto de ingreso de cinco novos membros na Academia Xacobea. Trátase de Luis Alamancos Pampín, director da cátedra de Criminalística e Ciencias Policiais da Universidade LiberQuaré; Carlos Baliñas, catedrático emérito de Filosofía da Universidade de Santiago; Maribel Outeiriño, xornalista e autora de varias guías sobre rutas xacobeas; o avogado e doutor en Dereito Ricardo Pardo Gato; e Pedro Piñeiro, farmacéutico, biólogo e empresario.

Entre os asistentes figuraban o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Finalmente, ás 20.00 horas, o Coliseo Noela acolleu unha Gala Xacobea aberta a todo o público na que se detallaron os feitos históricos que xustificarían o recoñecemento oficial do Camiño a Santiago da Ría de Muros-Noia como Camiño Oficial pola Xunta de Galicia. Unha ruta xacobea que conta co recoñecemento do Arcebispado de Santiago, cuxo titular estivo presente en Noia, e que só agarda o recoñecemento da Xunta. A presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, considera que “temos moito traballo realizado de recompilación, investigación e divulgación, pero aínda queda un traballo importante por diante e eventos coma este son un paso máis de cara a conseguir o que todos desexamos: a oficialización do Camiño da Ría de Muros-Noia, que é de xustiza e que imos seguir esixindo”. Villaverde convidou á Academia “a formar parte do noso Comité de Expertos”.

Finalmente, o grupo A Misela e a Escola de Danza Oitos, co espectáculo Luces da Terra Privilegiata, puxeron o peche musical á gala.