Vinte e unha entidades agrarias e forestais da comarca reciben 6.600 € para limpar montes

Pulo da Deputación da Coruña ó labor das agrupacións veciñais de doce concellos do cinturón santiagués para valorizar e comercializar produtos, previr incendios e mellorar o medio rural

A contía total é de 184.747 €

Operarios levando a cabo traballos de xestión da masa forestal nun monte do municipio da Pobra do Caramiñal / concello da pobra

Operarios levando a cabo traballos de xestión da masa forestal nun monte do municipio da Pobra do Caramiñal / concello da pobra / suso souto

A Deputación da Coruña dá apoio a entidades asociativas labregas, agrarias, gandeiras e forestais da provincia cunha liña de axudas de 184.747 euros. Este programa permitirá financiar novo equipamento, acondicionar infraestruturas e impulsar programas que melloren a comercialización de produtos.

Un total de 28 entidades da provincia recibirán as axudas, por importe de 6.600 euros, a través das que a Deputación da Coruña busca impulsar os proxectos de valorización e comercialización de produtos, previr incendios e mellorar o medio rural.

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a concesión provisional destas contías, que se destinarán a cuestións como a promoción de produtos agrogandeiros de proximidade, fomento das producións avícolas artesanais, melloras na eficiencia enerxética das instalacións, rozas e arranxo de pistas forestais e montes ou prevención de incendios.

Das 28 entidades beneficiarias destas axudas, 21 pertencen a 12 concellos do ámbito territorial do cinturón compostelán. Así, resultan subvencionados os traballos de poda, rareo e roza en masas de frondosas da comunidade de montes veciñais da parroquia de Carreira (Ribeira) e da comunidade de Balteiro, Folgoso, Río Portas, Lobeiras, Lijó, Salón e Recobo Ageitos, na parroquia ribeirense de Oleiros; a roza, rareo e poda nas faixas secundarias de xestión da biomasa no monte da comunidade de Barbanza-Enxa-Dordo, no monte da parroquia de Goiáns (Boiro); no monte das comunidades de Iroite e de Araño, en Rianxo (neste caso tamén para roza das faixas das carreteras e entorno dos núcleos rurais e actuacións silvícolas en masas de frondosa nos terreos da entidade); e en montes das comunidades de Sobeira, Devesa e Caneiro (Boiro), Olveira (Ribeira), Xuño (O Son), Esteiro (Muros), Asados (Rianxo), Abelán (Boiro), Isorna (Rianxo) e Monte Ramil-Rus (Carballo).

TRATAMENTOS SILVÍCOLAS

Igualmente, recibirán axudas para rozas e tratamentos silvícolas das masas para prevención de lumes e para desbroces nas faixas de xestión de biomasa as comunidades de Barbanza de Lesón (A Pobra), Ézaro (Dumbría) e Lapido (Padrón).

Para traballos de desbroce das faixas de xestión de biomasa no entorno dos núcleos rurais, limpeza de pistas e camiños e rozas en masas arboradas e monte raso nos montes recibirán axudas a comunidade de Razo (Carballo) para os montes de Carballeiras e Vilar, e a de Campelo, Vilar e Cerqueiras (Rianxo).

Por outra banda, percibirán tamén dita axuda da Deputación a asociación Daquí Darredor de Brión, para fomento das producións avícolas artesanais; a Asociación de Desenvolvemento Rural Odega, de Ordes, para aforrar enerxía nos invernadoiros a través de boas prácticas enerxéticas; e a asociación Máis de Tres, de A Maía-O Sar, para conservas de hortalizas autóctonas.

A deputada provincial responsable da área de Mar, Agro e Medio Rural, Cristina Capelán, sinalou ao respecto que estas subvencións permitirán “apoiar a un sector de grande importancia social e económica na provincia da Coruña”.

ACTIVISMO FRONTE AO LUME

2.800 COMUNIDADES EN GALICIA

Segundo a Consellería do Medio Rural, a cuarta parte do territorio galego, máis de 700.000 hectáreas, corresponde a monte veciñal en man común, xestionado por 2800 comunidades de montes. “Isto vén demostrar que esta figura non só ten importancia como un sinal de identidade e da cultura do noso país, senón tamén como un claro indicador económico e produtivo”, indican dende ese departamento.

A aportación do monte veciñal destaca nas súas múltiples vertentes: social, económica e ambiental. O traballo das comunidades de montes resulta de especial importancia para a valorización do monte como elemento de creación de emprego e de xeración de riqueza. Pero o seu labor destaca tamén no tocante á concienciación social sobre a necesidade de poñer a producir os nosos bosques.