A olería de Buño transmite o saber tradicional aos emprendedores para garantir a remuda xeracional

A iniciativa é parte dun proxecto de Artesanía de Galicia que abrangue oficios como a ourivería compostelá, a xastrería e a pasamanería

O obxectivo é capacitar máis profesionais e captar novos talentos nestes sectores

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, á esquerda, visitou o luns o obradoiro de olería que se imparte en Buño / xunta de galicia

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, á esquerda, visitou o luns o obradoiro de olería que se imparte en Buño / xunta de galicia / josé m. ramos

Renovar e conservar técnicas e oficios tradicionais co obxectivo de mellorar a capacitación dos artesáns galegos e captar novos talentos é o reto do proxecto 'Aprender da tradición. Oficios e técnicas', impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia. Unha iniciativa formativa que pretende ademais asegurar a remuda xeracional co fin de preservar o patrimonio cultural e promover o desenvolvemento económico e a sustentabilidade de oficios, técnicas e coñecementos ancestrais transmitíndollelos ás xeracións futuras.

Nese marco e con eses fins, na Casa do Oleiro de Buño (Malpica de Bergantiños) estase a impartir o curso de formación especializada "Formas tradicionais da olería de Buño", no que participan nove emprendedores, cinco deles a propia vila e outros catro de Carballo e A Coruña, aos que artesáns locais lles transmiten as técnicas empregadas na elaboración das distintas tipoloxías de pezas tradicionais de Buño, atendendo á súa diversidade de formas, tamaños e remates (bordes, riscos, vivos, espitados ou asas, entre outros).

Antonio Pereira, presidente da Asociación de Oleiros de Buño / o. B.

Antonio Pereira, presidente da Asociación de Oleiros de Buño / o. B.

Unha iniciativa que terá continuidade todos os luns ata o 15 de abril, e que o presidente da Asociación de Oleiros de Buño, Antonio Pereira O Rulo, valora “moi positivamente” e agradece á Xunta “que se preocupe por isto, porque é moi importante manter vivo ese saber tradicional e que non quede relegado só aos museos”. A este respecto, sinala que, a pesares da evolución que vén experimentando nas últimas décadas o mundo da cerámica en barro, “segue habendo, aínda que menos, unha demanda de pezas tradicionais”.

Oficio artesán

Os emprendedores que se sumaron a este ciclo formativo son persoas vinculadas xa ao oficio, “pero que non tiveron a oportunidade de aprender as técnicas antigas de elaboración e moldeado do barro”, afirma Antonio Pereiro. De feito, engade, “os que son de aquí de Buño saben traballar o barro, pero cando aprenderon, xa non se facían as pezas tradicionais, e por iso é importante que adquiran tamén ese coñecemento que se vén transmitindo de xeración en xeración dende hai centos de anos”.

Dende a Fundación Artesanía de Galicia subliñan que Buño “é un dos catro centros de olería tradicional aínda activos na nosa Comunidade e é o que conta cun maior número de profesionais”. Actualmente, na pequena vila malpicá hai quince obradoiros adicados a este oficio, que forman parte da Asociación de Oleiros que nesta fin de semana organizará a I Mostriña Oleira de Nadal, na que exporán as súas pezas no Teleclube, de venres a domingo, de 11.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.00 horas. Ademais abrirán as súas tendas e talleres para que veciños e visitantes poidan comprar a súa artesanía. Asemade, a mostra estará amenizada con panxoliñas a cargo do Coro de Buño (día 8 ás 18.00 horas); o espectáculo Apalpadora, de Iseo A Moura (día 9, ás 18.00 h.); e a proxección do documental Povo de barro (día 10 ás 17.00 horas), no propio Teleclube.

Cursos en Santiago de filigrana e acibeche

Ademais do ciclo formativo de Buño, a Fundación de Artesanía de Galicia promoveu en novembro dous cursos en Santiago dedicados a dúas das técnicas máis representativas da ourivería compostelá: a filigrana e o acibeche, da man dos ourives Ricardo Rivas e Susi Gesto.

Tamén na capital de Galicia se imparte, ata final de abril de 2024, o curso "Xastrería artesanal. Execución dunha chaqueta de traxe", impartido polos xastres Fernando Freire e Ramón Lareo. O obxectivo “é transmitirlles aos participantes as claves dun oficio de gran relevancia no sector téxtil”, subliñan dende a Xunta.

En canto a tecido tradicional, o mes pasado tamén tivo lugar en Hío (Cangas) o curso "Iniciación ao picote", impartido polo obradoiro Pal.lium, e entre decembro e xaneiro desenvolverase o ciclo "Ligamentos tradicionais de toalla e mantelería", para o que están abertas aínda as inscricións na web da Fundación Artesanía de Galicia. E en Gondomar, de decembro a febreiro, desenvolverase o curso "Técnicas de pasamanería", impartido polo artesán Rafael González Goyanes. Trátase, engaden, “dun elemento fundamental no traxe tradicional galego con múltiples aplicacións na artesanía actual”.

[object Object]

Un dos encargados de impartir o curso en Buño é o presidente da Asociación de Oleiros, Antonio Pereira, máis coñecido como O Rulo. Aplaude que dende a Administración autonómica impulsen esta iniciativa porque “é moi importante conservar as técnicas e formas que herdamos dos nosos antepasados, xa que se caen no esquecemento e se perden, só se poderan ver esas pezas nos museos”.

Subliña ademais que aínda que hoxe a produción oleira diversificouse moito, e abandonou en parte as liñas adicadas en exclusiva a usos domésticos, “segue habendo mercado para estas pezas, e non podemos deixar que se perda un saber que nos transmitiron os nosos pais e avós ao longo de moitas xeracións e séculos”.

Por iso, a aposta dos oleiros de Buño e seguir conxugando a tradición e a innovación para dar resposta a un mercado que apreza, e moito, a artesanía do barro. Segundo Antonio Pereira, “aínda que este é un mundo moi cambiante, actualmente coido que estamos nun bo momento na olería, porque os talleres temos demanda e carga de traballo”. E esta é a mellor proba do recoñecemento ao bo facer do sector oleiro.