Unha nova ponte na rúa Fomento reducirá o risco de asolagamentos na zona máis inundable de Carballo

A Xunta adxudicou as obras por máis de 1,8 millóns de euros

O proxecto inclúe a demolición dunha edificación e unha escaleira

O plan inclúe un ‘by-pass’, xa executado, na zona do Muíño do Quinto, de Carballo

O plan inclúe un ‘by-pass’, xa executado, na zona do Muíño do Quinto, de Carballo / concello de carballo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a S.A. de Obras y Servicios Copasa, por 1.847.114 euros, a execución da obra de remodelación da ponte da rúa Fomento de Carballo, para reducir o risco de inundación no río Anllóns. O proxecto inclúe a transformación da canle e motas de contención augas abaixo desta ponte, e ten un prazo de execución de 8 meses.

Os traballos adxudicados contemplan a ampliación e corrección do leito do río, a construción dunha nova ponte e de motas augas abaixo. Tamén se prevé a demolición dunha edificación e dunha escaleira situada augas arriba da ponte. Derrubarase a ponte que conecta a rúa Fomento e a avenida de Fisterra, co fin de ampliar a sección do leito, e tamén un edificio sito na rúa Fomento anexo ao leito. A nova ponte construirase sobre 8 vigas de formigón pretensado dobre de máis de 22 metros de lonxitude e máis de 4 de anchura, e terá 2 carrís e dúas beirarrúas. A estrutura permitirá o paso inferior dunha senda a ambas marxes inundables no caso de crecidas.

Elevar a cota de rebosamento

Na intervención deseñada por Augas de Galicia, proxéctase tamén a apertura do leito aumentando a sección dispoñible, nunha lonxitude de 121 metros na marxe dereita e 158 metros no esquerdo, e elevando a cota de rebosamento mediante un muro-bancada. O sostemento dos noiros realizarase mediante muros de dique executados reutilizando parte do material existente.

As obras inclúen a repavimentación da senda adxacente ao leito por ambas as marxes, e dotarase o acceso á senda desde a rúa Fomento e a avenida de Fisterra mediante ramplas a cada lado do leito. Este contrato forma parte das actuacións recollidas no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Carballo para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 millóns. En concreto, intervirase na zona onde se produce un estreitamento do leito do río, unha das zonas más inundables.