Carballo colabora con Cáritas para o mantemento do centro de día Fogar de Bergantiños

Ferrero, segundo pola esquerda, con García, Suárez e Ures.

Ferrero, segundo pola esquerda, con García, Suárez e Ures. / Concello de Carballo

O alcalde do Concello de Carballo, Evencio Ferrero, e o párroco de dita localidade, José García Gondar, veñen de asinar o convenio anual de colaboración entre a administración local e a organización Cáritas Parroquial de Bergantiños para o mantemento do centro de día Fogar de Bergantiños, situado en Berdillo.

Ao acto asistiron tamén a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, e o director de Cáritas Interparroquial de Bergantiños, Francisco Suárez. En virtude deste acordo, o Concello de Carballo colaborará no sostemento do mencionado centro de día cunha achega municipal por importe de quince mil euros, que Cáritas poderá complementar, se é o caso, con outras subvencións.

A cambio, Cáritas comprométese a desenvolver a actividade conforme á normativa vixente e, entre outras medidas, a facilitar o acceso ao servizo de persoas propostas polo departamento municipal de Servizos Sociais, segundo explicou ao respecto o mandatario carballés, quen destacou a importancia do acordo alcanzado.