Carballo fomenta a liberdade e o apego nun calendario no que son protagonistas veciños e visitantes

As fotos, de Marcos Rodríguez, promocionan o concello como un lugar de afectos // Os xemelgos Elena e Pablo ilustran a portada

Os xemelgos Elena e Pablo son dous dos protagonistas do calendario titulado ‘Carballo, lugar de afectos’.

Os xemelgos Elena e Pablo son dous dos protagonistas do calendario titulado ‘Carballo, lugar de afectos’. / Marcos Rodríguez

Tres mulleres que apostaron pola maternidade en solitario, unha parella do mesmo xénero, unha de tantas avoas que coidan dos netos a diario, persoas unidas por lazos familiares, pola amizade ou polo amor, familias numerosas, persoas entregadas ao coidado dos animais, que aman a música, o mar ou o pan, persoas de fóra que regresan cada ano porque se senten coma na casa... Todas representan a Carballo e todas forman parte do calendario de 2024 editado polo Concello, co que, baixo o título Carballo, lugar de afectos, invita a gozar da liberdade de ser e sentir todos os días.

E, como un novo ano é coma unha nova vida, os protagonistas da portata son os xemelgos Pablo e Elena, que teñen só unhas semanas de vida e que representan o apego que os carballeses e carballesas queren que medre ao seu carón. Quen o desexe pode recoller de balde un exemplar do calendario, ata fin de existencias, na biblioteca Rego da Balsa ou no Museo de Bergantiños.

O fotógrafo local Marcos Rodríguez, autor das imaxes que ilustran o almanaque, dixo que “son de Carballo, é o meu pobo e alá onde vou lévoo no sangue; por iso me fai especial ilusión”. “Os pobos fórmanos as persoas, e en recoñecemento a toda a xente de Carballo faise esta síntese dos distintos apegos e afectos que pode haber nunha sociedade. E neste calendario pódese ver mes a mes como aparecen persoas que son o presente e o futuro de Carballo”, comentou o alcalde, Evencio Ferrero.

Os protagonistas son as nais de Simón, Iago e Rodrigo, que están a crear apegos maternais en solitario; os cociñeiros Xusto e Marcos, “que comen no mesmo prato dentro e fóra da cociña”; Enzo, Leo, Samuel e Mario “que son os chis chis da súa avoa Mari”; Carlos, Javier e María Jesús, que levan a música “no ADN e no corazón”; Rachele, Óscar, Frida, Dante e Cuba, “unha familia que espalla arte e amor en todos os ventos”; Sara, Cristian, Adri, Rober e Uxía, que “fan bo xugo desde a infancia, e agora tamén fan boas festas”; o surfeiro Rodrigo, que “non ve máis ca polo ollo do mar”; Ana e Alberto, o día da súa voda; Lina, Tirso, Adela, Gema e Miguel, “unha familia numerosa, divertida e moi activa”; Cristina e José, que son de León, pero que viñeron por primeira ira vez ao balneario de Carballo en 2005 e repiten cada ano; Manuel, Carmen e o seu fillo Jesús Manuel, “os últimos muiñeiros de Carballo e un exemplo de amor pola tradición panadeira”; Araceli, Antonio e Cecilia, “auténticos amigos dos cans, máis alá do nome da protectora á que dedican tanto tempo das súas vidas”; e os xemelgos Elena e Pablo, que celebrarán o seu primeiro aniversario en 2024.