Brión reactiva a comisión municipal contra a balsa de Cornanda e apoiará á veciñanza

Foi acordada polo PP, PSOE e BNG segundo a proposta inicial dos nacionalistas

En caso de que Augas de Galicia aceptase o proxecto, colaboraríase nas alegacións

Un momento da sesión plenaria celebrada en Brión

Un momento da sesión plenaria celebrada en Brión / Concello

Os munícipes de Brión veñen de aprobar en pleno hai unhas horas a declaración institucional contra a construción da central hidráulica reversible do Tambre e en favor da loita veciñal e social contra este proxecto que tramita Augas de Galicia. Unha declaración pola que pretende “expresar unha vez máis, e de forma clara e contundente, o total rexeitamento por parte de todos os grupos políticos desta Corporación á construción da balsa na Cornanda segundo os proxectos actuais”, como recolle a declaración á que deu lectura o secretario municipal do Concello brionés.

Outros acordos tomados nesta declaracións institucional inclúen a reactivación da comisión de seguimento creada polo Concello de Brión e na que están representados tanto os grupos políticos municipais como a veciñanza de Cornanda; e apoiar o traballo dos veciños e veciñas, tanto a través da plataforma Non á balsa da Cornanda como calquera outra entidade que estea disposta a colaborar para evitar a construción desta balsa.

Finalmente, o pleno acordou tamén que se o pronunciamento oficial por parte de Augas de Galicia, que aínda se descoñece, fose contrario a estes intereses, o Concello axudaría a completar as alegacións que puideran ter relevancia coa achega de informes en colaboración con outras administracións. Unha declaración institucional acordada polos tres grupos municipais antes do inicio do pleno sobre unha base presentada polo BNG e enmendada polo PSOE e o PP, que foi lida diante de representantes da plataforma Non á balsa da Cornanda.

No resto da sesión, o pleno aprobou, cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións de PP e BNG, aceptar as alegacións de Viaqua á estrutura de custes do servizo de abastecemento de auga potable, que será sometido de novo a información pública.