Mazaricos rememora as persoas que defenderon o monte veciñal

 ‘Che de Pedro’, de Eirón, faleceu en 1963 cando tentaba evitar a usurpación

Ao acto asistiron máis de medio cento de veciños e familiares

Participantes na lembranza de Xosé Esperante no monte Eirón, de Mazaricos

Participantes na lembranza de Xosé Esperante no monte Eirón, de Mazaricos / Concello de Mazaricos

J. M. Ramos

Máis de medio cento de veciñas e veciños participaron no III Día de Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal en Eirón (Mazaricos). Renderon homenaxe a Xosé Esperante, ‘Che de Pedro’, veciño do municipio que faleceu nos enfrontamentos en defensa do monte veciñal durante o franquismo, e a todas as persoas que defenderon este modelo de propiedade fronte aos intentos de usurpación.

A xornada, organizada polo Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO), estivo presidida polo alcalde, Juan Blanco, quen recoñeceu o carácter emotivo desta conmemoración e a súa importancia para a posta en valor dun modo de vida como é o do rural.

O profesor de Economía Aplicada da USC e no seu día director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López, impartiu a conferencia O futuro dos Montes Veciñais en Man Común na Galiza rural do século XXI. Reclamou que a visión deste modelo vaia alén do punto de vista sectorial forestal, considerando o monte veciñal como un recurso para o desenvolvemento socioeconómico das comunidades rurais, destinado a usos diversos e cun marco legal que impulse a produtividade mantendo a propiedade.

Tamén interviu Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, constituída hai 25 anos de existencia, antes de que os asistentes se trasldaran ata o monumento de Che de Pedro, situado nos montes de Eirón, onde se realizou unha ofrenda floral e interviñeron os seus familiares.

Xosé Esperante morreu en 1963 no marco dunha das loitas, frecuentes na Galicia da época, en defensa do monte veciñal. Dende a organización lembran que durante o franquismo establecéronse mudanzas lexislativas que supuxeron a repoboación de milleiros de hectáreas de monte galego sen ter en conta á veciñanza. Procesos nos que os concellos actuaban como intermediarios co Estado central, sen defender os intereses das e dos veciños.

“O resultado foi que se impediu a xestión local destas propiedades veciñais, alterando gravemente os ecosistemas e a súa relación co mundo agrícola. Na práctica, milleiros de labregos foron privados dos seus montes”, subliñan.

Che de Pedro foi unha das vítimas deste proceso. Durante a repoboación do monte do Outeiro, a veciñanza mobilizouse contra a expropiación dos seus terreos. As forzas de seguridade franquistas abriron fogo e feriron gravemente a Xosé Esperante e outros dous veciños. Che morrería pola falta de atención médica no monte. O episodio marcou un punto de influencia na loita comuneira, forzando á administración a reconsiderar a súa política.