Alumnado de centros de Santiago e área comprométense coa paz e a convivencia nas aulas

Conmemoran o Día Escolar da Paz e a Non Violencia coa lectura do manifesto “Escolas sen Racismo” que subscribe os valores democráticos e a defensa dos Dereitos Humanos

A ONGD ACPP Galicia promove a actividade e alerta sobre a existencia de discursos xenófobos e contrarios á diversidade sexual e á igualdade de xénero entre o alumnado

Lectura do manifesto "Escolas sen racismo" promovido por ACPP no IES Milladoiro con motivo do Día Escolar pola Paz e a Convivencia nas aulas

Lectura do manifesto "Escolas sen racismo" promovido por ACPP no IES Milladoiro con motivo do Día Escolar pola Paz e a Convivencia nas aulas / ACPP

Redacción

As comunidades educativas do IES de Milladoiro (Ames), o IES Xulián Magariños (Negreira) e o CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) participan na celebración do Día Escolar da Paz e a Non Violencia promovida pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia mediante a lectura e aceptación dos principios do manifesto “Escolas sen Racismo”, vertebrado ao redor dos Dereitos Humanos Universais, a democracia, a xustiza social, a paz, e o respecto á diversidade e o medio natural.

A proposta da Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia complétase cunha batería de actividades didácticas que poñen a disposición do profesorado e que ao longo destas semanas desenvolverá co alumando.

Empatía e respecto á diversidade cultural

Deste xeito, o profesorado comprométese a fomentar o coñecemento doutras realidades e as desigualdades a nivel global, a empatía intercultural e o respecto á diversidade cultural, así como contribuír á construción dunha cultura de paz baseada no respecto aos Dereitos Humanos.

No IES Milladoiro a lectura do manifesto “Escolas sen Racismo” realizouse este luns coa participación de toda a comunidade educativa, mentres que no López Ferreiro o acto principal tivo este martes. O IES Xulián Magariños de Negreira, sumarase a esta conmemoración pola paz e da educación non violenta e pacificadora ao longo das vindeiras semanas, cando tamén se lle entregará a placa identificativa do proxecto “Escolas sen Racismo. Escolas para a Paz e o Desenvolvemento”, no que se enmarca esta celebración.

Outros centros educativos de fóra da área de Compostela tamén se sumaron a esta conmemoración do Día Escolar da Paz e a Non Violencia. En concreto, foron o IES Antón Losada (A Estrada), o IES Chano Piñeiro (Forcarei) e o CEIP Figueiroa (A Estrada), sumando así máis de 1000 alumnos e alumnas que, desde infantil, primaria e secundaria, reclamaron e traballarán por unha convivencia en paz e non violenta.