Teo aproba uns orzamentos que medran un 6 por cento e conxelará os tributos locais

O acondicionamento das infraestruturas de titularidade municipal terá a partida máis importante, de máis de 1,5 millóns dentro dos 18,1 que se votan hoxe

Incluirán melloras en materia de conciliación e acción social, e o Servizo de Atención Temperá ten previsto ampliar as súas corenta prazas actuais

Sesión plenaria deste mércores no Concello de Teo

Sesión plenaria deste mércores no Concello de Teo / Concello

O Concello de Teo destinará 18.186.251 euros aos orzamentos 2024, case que un 6% máis con respecto aos prorrogados de 2022, segundo avanzaba o PP, que conta con maioría absoluta. Ao seu xuízo, son uns presupostos "que se axustan á situación real do municipio, ordenados e centrados nas necesidades e no benestar da veciñanza", e que veñen a superar a situación de prórroga das partidas, que suman dous anos. Ademais, afirman que apostan polo "acondicionamento das infraestruturas de titularidade municipal que a día de hoxe se encontran en moi mal estado", polo que se destinará a partida máis importante, de máis de 1,5 millóns de euros.

E, concretamente, no pleno celebrado este mércores priorizouse o asfaltado e mellora estrutural de estradas e vías públicas, que inclúe achegas municipais aos plans POS, POS Plus e Fondos Next Generation da Unión Europea. De feito, neste mes de xaneiro xa se iniciaron diversas obras por importe de case un millón de euros, entre elas a humanización da aldea de Cachóns, con cargo a plans anteriores que aínda non foran executados.

Nese mesmo apartado, cómpre salientar tamén actuacións para a ampliación e modernización da rede de sumidoiros, así como outras obras de infraestruturas básicas que procuran a mellora da calidade de vida da veciñanza e contrarrestar as diferenzas entre a zona urbana e a rural. Dentro dese capítulo para a mellora dos servizos fundamentais en prol dos veciños, prevese así mesmo a licitación de contratos municipais pendentes de regularización. "Trátase de licitacións que, nalgún caso, levan máis de oito anos en situación irregular, e que inclúen servizos tan importantes como o do lixo, o de telecomunicacións, ou os xurídicos, entre outros", subliñaban os populares.

Igualmente, "na procura do benestar dos veciños e veciñas de Teo, os orzamentos de 2024 contemplan a conxelación de todos os impostos de titularidade municipal, co fin de que estes non se convertan nunha carga máis para eles e aliviar, dese xeito, os petos dos teenses". 

As novas contas inclúen ademais melloras en materia de conciliación e acción social. De feito, xunto a continuación da mellora das infraestruturas, habilitaranse máis prazas e máis actividades, tanto para os maiores, como para os máis pequenos. Nese senso, xa se están a executar arranxos nas tres escolas infantís municipais, para mellorar a calidade do servizo e para que todos os nenos e as nenas de Teo dispoñan dunha praza nelas.

No tocante á conciliación, o Goberno local aposta nos seus orzamentos por reforzar os programas para conxugar a vida familiar e laboral nas épocas non lectivas. E no que atinxe ao Servizo de Atención Temperá, que actualmente conta cun psicólogo, unha terapeuta ocupacional e dúas logopedas, contémplase a necesidade de ampliar as prazas ofertadas, que actualmente se sitúan no contorno das corenta. Para tal fin, reforzarase dito servizo, que permite atender ás nenas e nenos de entre 0 e 6 anos que presentan algunha dificultade no seu desenvolvemento, particularmente na área da linguaxe e da comunicación, na que se estaba a concentrar a maior demanda.

Pero tamén vaise dotar o Fondo de Acción Social, xa que o anterior goberno "só consignara orzamento para os funcionarios e laborais, e non para os traballadores subrogados, malia a existencia dun acordo plenario para levalo a cabo", destacan, e reordenarase o persoal municipal a través dunha Relación de Postos de Traballo (RPT), e porase o acento na seguridade do municipio, mediante o reforzo da Policía Municipal, que pasará de 9 a 11 prazas de axentes. Para este 2024, os orzamentos municipais prevén accións de apoio ás empresas e ao comercio local, co fin de promover e impulsar a súa actividade, reforzando ao mesmo tempo o consumo dos produtos de proximidade. "Así mesmo, intensificaranse as actuacións para a promoción turística e a posta en valor do patrimonio cultural do municipio. De feito, no próximo mes de febreiro presentarase unha ampla axenda de actividades que permitirá á veciñanza desfrutar en Teo, sen que supoñan un maior gasto para as arcas públicas do consistorio". Apostarase pola restauración e conservación do patrimonio etnográfico, revisando a rede de cruceiros (rehabilitarase o Peto de Ánimas, en Cacheiras), e vaise aplicar un plan para a redución da débeda e da morosidade "tras realizar unha notable limpa da rémora existente nas arcas municipais", xa que elevan a débeda neste momento "ata os 3,1 millóns de euros". Actuarán cunha rebaixa "do pago innecesario de alugamentos, racionalizando o parque de vehículos e eliminando rentings e gastos fixos desmesurados", rematan.