Excursión, Caldo de Gloria, andaina e moita música no tributo de Ames a Rosalía

A programación comezará o sábado coa saída ata a Casa-Museo

O 22 haberá un taller para cativos e o 23 unha gala en Bertamiráns

Moreiras, pola esquerda, con Porto, Blas García, Sonia Moure e Pilar Villaverde na presentación

Moreiras, pola esquerda, con Porto, Blas García, Sonia Moure e Pilar Villaverde na presentación / Concello

O Concello de Ames pon en marcha esta semana a programación coa que se conmemora a figura da poetisa Rosalía de Castro. E faino a partir do vindeiro sábado 17 de febreiro cunha excursión literaria baixo o título de Viaxando con Rosalía. Consistirá nunha visita á casa da escritora en Padrón da man da experta rosaliana María López Sández. Conta cun total de 60 prazas, polo que para participar é preciso inscribirse enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal antes do quince de febreiro. Inclúe autobús dende as dúas urbes amesás.

Trátase dunha das actividades previstas, xa que o xoves 22 de febreiro terá lugar na casa da cultura do Milladoiro o obradoiro Música e Rosalía, de Leticia Falcón, un taller de estimulación temperá ao abeiro de Apego para crianzas de 0 a 6 anos.

Nesta xornada tamén se desenvolverá unha nova edición das iniciativas Caldo de Gloria, que se degustará nos colexios amesáns, e Café con verso, en ambos casos amenizados por actuacións musicais a cargo de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez.  

Por outra banda, o venres 23 e o sábado 24, nas bibliotecas municipais haberá dous obradoiros para facer pins e chapas para conmemorar o Día de Rosalía. Dirixidos á rapazada a partir de 3º de Primaria, serán o venres ás 17.30 horas na biblioteca do Milladoiro e o sábado ás 11.30 horas na biblioteca de Bertamiráns. O prazo de inscrición é do 12 ao 21 de febreiro, chamando aos números de teléfono 981 530 807 e 981 884 829 ou enviando un correo ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal.

NA CAPITAL. No que atinxe á gala de homenaxe a Rosalía de Castro, celebrarase o venres, 23 de febreiro, ás 19.00 horas, na casa da cultura de Bertamiráns. Nela participarán os centros educativos de Ames, e haberá unha actuación a cargo da cantautora e DJ High Paw. A presentación correrá a cargo de Cristina Collazo, e a entrada será libre ata completar o aforo.

Ademais, nesta edición, e como novidade, haberá unha andaina teatralizada o domingo 25 de febreiro pola Costa do Mar de Ovellas baseada no poema rosaliano A probiña, que está xorda...! A ruta desenvolverase coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e do músico Luis O’Caruncho. O percorrido será de 4 km, de dificultade media (cunha subida inicial cun desnivel do 10%) e vai durar unhas dúas horas.

Ao seu remate celebrarase unha degustación de Caldo de Gloria. Conta cun total de 55 prazas, polo que para participar é preciso inscribirse enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, entre os días 15 e 22 de febreiro.