Agasallan unha antoloxía de Rosalía a quen merque un libro en galego ata o 3 de marzo

A iniciativa está organizada pola Fundación Rosalía e a Fundación Xistral con motivo do aniversario do nacemento da grande escritora galega

Pola esquerda, o presidente da Fundación Xistral, Carlos Blanco; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; e o alcalde de Padrón, Anxo Arca, na presentación dos actos do Día de Rosalía

Pola esquerda, o presidente da Fundación Xistral, Carlos Blanco; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; e o alcalde de Padrón, Anxo Arca, na presentación dos actos do Día de Rosalía / Fundación Rosalía

Redacción / E.P.

A Fundación Rosalía e a Fundación Xistral regalarán 20.000 exemplares dunha selección da obra de Rosalía de Castro entre todas as persoas que compren un libro en galego con motivo do Día de Rosalía.

O obxectivo, explican, é triple: "celebrar a Rosalía, promover o libro en galego e fidelizar lectores para mellorar a realidade do libro galego".

O proxecto presentouse este luns en rolda de prensa xunto a toda a programación do Día de Rosalía. Nela participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o representante da Fundación Xistral, Carlos Blanco; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; e os representantes da Asociación de Gaiteiros, Gustavo Couto e Olimpio Xiráldez.

Iniciativa coa Fundación Xistral

A iniciativa está organizada pola Fundación Rosalía e a Fundación Xistral, unha nova entidade que "nace co obxectivo de promocionar a lingua e a cultura galegas e que, formada por actores importantes da cadea de valor do libro galego, inicia a súa actividade festexando á autora máis relevante das letras galegas".

Así, cada persoa que compre un libro en galego nas librerías galegas do 6 de febreiro ata o 3 de marzo, levará como regalo unha selección de textos rosalianos titulada Celebremos Rosalía, realizada por Anxo Angueira e editada por Casa de Rosalía e Xistral.

Na actividade, apoiada pola Xunta de Galicia, colaboran a Federación de Librerías de Galicia, a Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e O Corte Inglés.

Programación do Día de Rosalía

Este 23 de febreiro celébrase o día de Rosalía de Castro cunha ampla programación en Padrón e Santiago

Este 23 de febreiro celébrase o día de Rosalía de Castro cunha ampla programación en Padrón e Santiago / Casa de Rosalía

A Fundación presentou tamén outras actividades e convidou a todo o país a celebrar o Día de Rosalía lendo textos da autora, facendo un Caldo de Gloria e uníndose á Alborada para Rosalía.

O acto central terá lugar, como sempre, ás 12:00 horas no Hostal dos Reis Católicos. Haberá unha lectura de poemas rosalianos e actuarán os Carapaus, a cantante Faia e alumnos da Escola de Música de Santiago.

Antes, ás 11:00 horas, haberá Alborada cos Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía en 1837.

Todo comezará ás 10:00 horas en Padrón coa lectura de poemas do alumnado Instituto Camilo J. Cela de Padrón e do Macías Ou Namorado fronte á estatua de Rosalía.

Ao Caldo de Gloria xa se sumaron moitos colexios e locais hostaleiros de todo o país. Repartiranse máis de 60.000 manteis da iniciativa, esparexidos por toda a xeografía galega. Este ano participarán ademais varios centros galegos no exterior, como os de Donostia, Castelló, Burgos, Alacante e Valencia.

Desde a Fundación o ano pasado repartíronse 46.000 manteis de papel co poema que inspirou esta iniciativa, 'Miña casiña, miña lareira' na que a poerta explica como facer un caldo humilde "a partir da épica da supervivencia, diaria e doméstica, que protagoniza unha muller".

Nesta sétima edición, volverá tras a pandemia o Caldo de Gloria á Casa-Museo da man de Suso de Ou Dezaseis e Uxía, coñecida parella gastronómico-cultural, responsable do popular restaurante compostelán e cantora galega, respectivamente.

Eles ofrecerán a súa versión do caldo aos presentes (19:00 horas), xunto co 'birlo do pote' realizado por tres mulleres de Mazaricos (Esther, Angelita e Laura). En anteriores edicións elaborárono cociñeiros como Óscar Vidal, Xoanqui Ameixeiras, Lucía Freitas, Pepe Solla, Chef Rivera ou Benigno Campos, ademais da escritora Ledicia Costas.

Alborada

A Casa Museo de Rosalía de Castro celebra este 23 de febreiro o Día de Rosalía con lecturas, música, alborada e caldo de gloria

A Casa Museo de Rosalía de Castro celebra este 23 de febreiro o Día de Rosalía con lecturas, música, alborada e caldo de gloria / ECG

A continuación, no auditorio da Casa-Museo terá lugar o concerto da cantora Faia, membro de The Vacas, no seu proxecto en solitario que traballa ao redor da música de tradición oral, coa voz como ferramenta esencial, a sonoridade do espazo e escóitaa activa.

Por último, este ano volverase celebrar o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas.

Trátase dunha peza musical escrita polo propia poeta, polo que fan un chamamento a todos os gaiteiros galegos, ademais doutros músicos, para "dar unha alborada e saudar con alegría e esperanza" o día do nacemento da escritora.